A Cidade de Deus

La Voz

PONTEVEDRA

| O |

14 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ALUCINADO sae un do cine despois de ver Cidade de Deus, do brasileiro Fernando Meirelles, unha tremenda película de gángsters de favela que estes días se pode ver tamén en Pontevedra, e xa é noticia, tal e como están as cousas nas salas da cidade. A Cidade de Deus, a diferencia do que propuña Santo Agustín, é un barrio con centos de infravivendas na periferia de Rio de Janeiro que deixa en remedo de Sunset Boulevard o noso Vao. Con ese decorado e uns personaxes que loitan, cada un á súa maneira, por escapar do barrio, a película é unha especie de O Padriño ó ritmo frenético da samba, unha historia de trapicheos, miserias e vinganzas que non vén a conto destripar aquí. Vaian vela. Vaian e verán que é todo iso do que fala o novo presidente do Brasil, Lula. Pero vaian sabendo que sairán do cine preguntándose como pode ser que haxa lugares como a Cidade de Deus, onde unha vida vale uns poucos cruzeiros e os nenos non saben quen é Shin Chan, o novo demo dos bempensantes, pero pasean pola rúa con pistolas de nove milímetros. E que verán tamén que todos somos un pouco cómplices. Será que a algúns idiotas si que nos gusta pagar para que nos insulten.