¡ARRE HO!
02 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.EN PRIMEIRO lugar, permítanme unha corrección: o outro día, nesta mesma páxina, metinme con Marta Sánchez por participar no telemaratón de Pedro Ruiz en favor deses pobres galleguiños . Pido desculpas despois de escoitar o que dixo o outro día na televisión autonómica, ante un atónito Juan Pardo, cantor das virtudes do poder, algo así como «pido a los gallegos que no olviden, y que, si pueden, no perdonen». A min dame que, despois dun 2002 de estupefaccións, o 2003 que empeza promete. Di un amigo meu que este ano volve o punk, algo así como Detroit 1969-Londres 1977-Muxía 2003. Non sei se terá razón, pero razóns para o nihilismo témolas. Algúns queremos crer que este país será capaz de impoñerse algunha vez a un localismo que unicamente beneficia ós peixes gordos que o promoven, pero xa se empezan a ver movementos estraños, os de Caión rinse dos de Camelle, a Xunta sacou o talonario de prebendas e os do interior din que toda a subvención, tan nosa coma o aturuxo, vai ir para a costa, deixándoos a eles co cu ó aire. En fin, que se volve o punk será con Marta Sánchez de abandeirada. Perdemos a Joe Strummer, pero gañámola a ela.