Por terra, mar e aire

PONTEVEDRA

ÍA ser o operativo militar o que nos salvaría da marea negra e xa van dúas veces que os soldados embarrancan cando se dispuñan a desembarcar material na praia dos Alemáns, nas illas Cíes. Os mariñeiros que andaban coas mans no chapapote tiveron que facer un alto, non sen guasa, para remolcar a embarcación da Armada. Hai dous días que chegaron a Ons. E os uniformados están a traballar cos medios que lles prestan os voluntarios, porque resulta que a potencia dun exército que logrou botar ós mouros de Peregil non ten medios para desembarcar a maquinaria de limpeza no pequeno peirao da praia das Dornas. O cachondeo era onte prato xeralizado nos portos que serven de base de traballo para os mariñeiros. Durante o almorzo, un deles, completamente emborrallado de chapapote, recordaba o gasto que supón mercar os novos cazas para o Exército do aire, cada un deles valorado en máis de sesenta millóns de euros. Dende o outro lado da mesa alguén contestou: «Se en lugar de alquilar tanques para os desfiles gastaran os cartos en traer barcos anticontaminación...». Pois ten toda a razón.