O Concello envía os medios materiais e humanos de que dispón ás zonas afectadas para intentar atallar no posible os danos da marea negra
03 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Miguel Anxo Fernández Lores estivo durante toda a xornada de onte á fronte dun gabinete de crise con catro de sus concelleiros e en contacto con outros alcaldes da ría, dispoñendo e coordinando tódolos recursos materias e humanos posibles para intentar atallar ó máximo os danos da marea negra, que finalmente tocou de cheo a Illa de Ons. -¿Recibiu a noticia pola vía oficial? -Non, ás dez da mañán eu xa estaba no peirao de Combarro e desgraciadamente, pouco despois, confirmáronse os máis negros augurios, unha realidade que contrasta coa información inexacta facilitada polas administracións competentes desde o inicio da catástrofe. A primeiras horas os datos oficiais da Xunta aínda daban que o fuel estaba lonxe da boca da ría e o subdelegado do Goberno díxome sobre as once e media que as manchas estaban a cinco ou seis millas de Ons, pero non era así. -¿Que se está a facer dende o Concello? -Todo o que está nas nosas mans. Temos un operativo de urxencia e estamos avaliando e coordinando tódolos recursos de que dispoñemos para axudar a retirar ou limpar o fuel. -¿Cales son eses recursos? -Neste momento voluntarios de Protección Civil de Pontevedra están xa traballando na zona do Grove e enviamos perto de douscentos contenedores á Illa de Arousa, a Combarro e a Portonovo. As empresas concesionarias do Concello, Inusa e Aquagest, e máis os operarios e técnicos municipais están a colaborar no dispositivo, e tamén alertamos as empresas de construcción para pedirlles pas, camións e todo tipo de maquinaria que poida ser útil.