¡ARRE HO!
29 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.TEÑO UN AMIGO de Carril, fillo de mariscadores, que é capaz de recoñecer en que praia da ría de Arousa se recolleu tal ameixa ou tal outra. O tipo está tan metido no tema que algunha vez ten escrito a xornais de Madrid para puntualizar unha información sobre acuicultura que el consideraba errónea, e que seguramente o era. Mellor lle tería sido facerse experto en lubricantes e derivados do petróleo, visto que nas praias deste país é do máis común atoparse cun regueiro de fuel oil con «algunhas complicacións», ou con cascallos químicos do Casón . Así, o meu amigo podería ter axudado ós desorientados responsables da Xunta a distinguir se esa «mancha irisada» da que falan é un novo verquido dos tanques do Prestige , ou o combustible para propulsar o propio buque, ou auga do limpiaparabrisas, que tamén pode ser. Si, as circunstancias téñennos dado ós galegos ocupacións ben curiosas. Será por iso que nas radios da capital din que non entenden como non nos rebelamos contra tanta incompetencia e tanta infamia. Será por iso que apelan ó adaxio de que temos «un carácter manso». Será por iso que mañá, na Alameda de Compostela, a mediodía, ante os ollos do mundo, nos xogamos tanto.