O 18 de maio de 1990, Arturo Estévez Rodríguez presentou nos xulgados de Pontevedra unha denuncia contra Ence por contaminación nos seus cultivos. Máis de doce anos despois, a factoría foi condenada por un delito medioambiental. -¿Como valora a resolución desta causa? -Tivo o positivo de que, por primeira vez, se sentaron no banquillo os responsables da destrucción da ría de Pontevedra. Aínda que non están tódolos que son, é importante que recoñeceran que cometeran un delito. -Imaxino que Defensa da Ría, a asociación que vostede fundou, non dará por rematada a loita. -Non. A sentencia é a porta para criminalizar definitivamente á compañía e para pechala. Penso que se a APDR segue a ter a forza que ten e segue a ter o apoio da cidadanía, non cabe dúbida de que a Celulosas non lle quedan os días, pero si os anos contados. Penso voltar a bañarme na praia de Cocheras, como cando era neno. -Fala de cando era neno, ¿como mudou Lourizán coa instalación de Ence? -Tiven o privilexio de bañarme en Cocheras e de ir buscar marisco. O areal do que falo atópase en Praceres, que pasou de ser un pracer a ser un padecer. Pasei de vivir nun paraíso a vivir nun inferno, pero coa ilusión de retornar ó paraíso. Non deixarei endexamais de loitar por unha causa tan xusta e necesaria, e economicamente tan importante para Pontevedra como é unha ría sen Ence. -¿Lembra cando interpuxo a denuncia? -Si. Desgraciadamente vivo a un kilómetro en liña recta da factoría. O 18 de maio de 1990 ocorreu un de tantos escapes nese enxendro e todos tivemos que pecharnos. Denunciei o ocurrido con tan boa sorte que a denuncia foi admitida, prosperou e aquí estamos. A condena non é a solución. A solución pasa por muda-la ubicación de Ence e isto non é tan caro. O día que se descobra a riqueza natural que hai na ría, ese día pecharase o complexo. -En xaneiro do 2001 e a raíz do arquivo provisionalde parte da causa, aseguraba que non cría na Xustiza. ¿Segue a te-la mesma opinión? -Sego sen crer na Xustiza porque, cando unha persoa comete un delito ten que, polo menos, pasar polo xulgado quincenalmente. Neste caso, estes delincuentes, como eles mesmos recoñeceron, non pasaron polo xulgado e seguiron a comete-lo delito.