Escrivá si que o merece

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO!

30 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

¡VAIA! RESULTA QUE para o PP é dogma de fe «non utilizar as institucións para elevar ás alturas as persoas». Non o digo eu, díxoo o presidente da Deputación, Manuel Abeledo, con xesto fero e ameazador, para rexeitar o nomeamento de Bóveda como fillo adoptivo da provincia de Pontevedra. Dirán vostedes: xa está outra vez este co de sempre. Será que servidor ten moito tempo libre para darlle voltas ó asunto, non coma outros, terriblemente ocupados en facer «política práctica» e en «solucionar os problemas da xente». Supoño que neso da «política práctica» entrará tamén a viaxe que farán tres ministros do Goberno do PP -Federico Trillo, de Defensa, Ana Palacio, de Exteriores, e José María Michavila, de Xustiza- a Roma para asistir á canonización de Escrivá de Balaguer, recoñecido demócrata. Claro que chegados a un punto no que a economía e o país xa non funcionan como deberan -hai que ver o terque que se volve por veces a realidade-, que mellor que ter de man todo un santo para «solucionar os problemas da xente», como a suba dos prezos, os contratos lixo ou a financiación da educación. Se o que hai que facer é nomear fillo adoptivo a Escrivá, e todos tan contentos.