¡ARRE HO!
16 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.DOUSCENTOS NÚCLEOS de poboación -22 deles pontevedreses- quedaron desertos no último lustro neste fabuloso país de regatistas victoriosos, internautas de sacha e pucha e novidosas iniciativas de ecoturismo. Nesta terra de empanadas xigantes e importantes competicións hípicas os votantes emigrados son xa o mesmo número que os da provincia de Ourense, e máis ou menos un tercio dos de Pontevedra. Mesmo un servidor traballa -iso si, moi a gusto, todo hai que dicilo- a trescentos quilómetros do lugar no que naceu. Levan todo o ano convencéndonos de que os marroquís nos están invadindo e resulta que calquera día destes aparece un galego desgraciado entre os eixos dun tráiler. E logo din que non hai mobilidade xeográfica. O peor que lle pode pasar a un estadista -dito así queda máis fino- é que a realidade lle estropee unha boa historia. Pero aí, neses momentos duros, é onde se nota o xenio do verdadeiro fabulador: o outro día, unha radio pública relacionou directamente a subida da taxa de paro en Galicia co atentado contra as Torres Xemelgas. Se ó final vai ser verdade que, como dicían no Le Monde , todos somos americanos.