Só son nomes de cans

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

02 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA AMIGA de Lérez acaba de poñerlle de nome Puzka, lóstrego en basco, a unha cadela de fox terrier de dous meses. Menos mal: o outro día paseaba pola praza de Curros Enríquez un tipo con dous cockers -que raza máis pontevedresa-, chamándolle a un «¡Shakira, Shakira!» a voces. O peor foi cando deu a volta e lle dixo ó outro: «Ven aquí, Busta». Que pena. Non hai tanto, os nomes dos cans eran unha daspoucas formas de contestación ó poder que lles quedaban ós paisanos. Coñezo un home que lles puxo consecutivamente Azaña, Paco, Adolfo e Felipe. Despois deixou de criar cans, senón imaxinen como bautizaría o seguinte. Con isto do pos-posmodernismo e da vida patrocinada, os cadelos de agora son bichos lustrosísimos, tontorróns pero graciosos, todos con certificado de orixe, coma o albariño e o tinta femia, que menean o rabo cando se lles chama Lucky, Coca ou MTV, e comen e cagan bólas de penso compacto. Así que, para ser útil e respectuoso coas tradicións, se algún día me dá por ter un animal de compañía prometo chamarlle Juan Carlos ou Manuel, como é debido. Obviarei o de engadirlle don antes do nome: ó fin e ó cabo, só son cans.