Queremos tanto a Jango...

La Voz

PONTEVEDRA

XURXO BLANCO

O cómico norteamericano conquistou ós seus alumnos no curso clown que impartiu ata onte Din que o clown é amor, e nalgo así debe basearse o exercicio que esta mañá se leva a cabo nun talleres de interpretación do Festiclown. Soa unha aria mínima, e, sobre o escenario, os alumnos danse a man cos ollos pechados, acaríñanse e agárranse, mentres o mestre, Jango Edwards, explica que «feito isto, o resto, o voso traballo, a vosa vida, non é difícil». Edwards camiña entre los asistentes falando en inglés, e unha traductora verque as súas palabras ó español cun acento entre norteamericano e arxentino. Antes da pausa, o grupo abrázase ó profesor, que berra, agradecido: «Do you love me? [¿querédesme?]».

18 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

«Plantarse o nariz é algo moi serio». Dio Pepe Penabade, catorce anos dedicado ó teatro e alumno de Jango Edwards nun dos cursos de interpretación que ofrece o Festiclown estes días en Pontevedra. Edwards, que impartiu un taller ata onte, é todo un referente no mundo do nariz encarnado. A súa biografía, a que aparece na súa páxina en Internet - www.jangoedwards.com -, é cando menos clownesca: fillo dun multimillonario, abandonou unha vida de yuppy para actuar pola rúa e traballar no teatro. Noutra páxina dedicada ó norteamericano califícano de «mestre de artistas, rei de tolos». Os seus alumnos concordan. Ver a Edwards vestido unicamente con mallas de ciclista e tirantes, cimbreándose entre eles mentres retorce o xesto, é un auténtico espectáculo. Un exercicio difícil foi mostrar solidariedade e amor ó compañeiro de clase. «É precioso e moi importante», opina Pepe, mentres toma café no bar do Pazo da Cultura. Para él, o clown «lamentablemente quedou reducido ó típico pallaso de circo». «Isto deberíao facer todo o mundo», di, apurando a bebida antes de volver á aula. A maior parte dos que asisten ó curso de Edwards son alumnos de interpretación, actores ou afeccionados ó teatro. «Pero é unha experiencia válida para todo o mundo», repite Isabel, pontevedresa, que asegura que na súa vida diaria é «vándala, ou sueva». No curso «ás veces pásase mal, pero a repercusión é positiva», bromea, «así que deberías apuntarte para o ano». Curro, da Coruña, estudia interpretación. «Aquí se crean vínculos muy fuertes», asegura, «se une un grupo; creo que vamos a ser amigos toda la vida». «Con Jango aprendes técnicas, pero también aprendes a conocerte». Pasan os dez minutos pactados para o descanso, e Jango Edwards chama polos alumnos, que volven, en comitiva, ó auditorio vacío no que ensaian. Quedan un par de horas de traballo duro, porque, como di Pepe, o clown non hai que tomalo a broma.