¡Por narices!

La Voz

PONTEVEDRA

XOÁN CARLOS GIL

25 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

: CATA EN SANXENXO. Doce expertos para catar algo máis de douscentos viños en só dous días. Un labor a medio camiño entre o traballo e o pracer é o que estes especialistas en «análise sensorial» levan a cabo desde onte no hotel Carlos I da localidade de Sanxenxo, na décimo cuarta edición da cata de viños de Galicia que organizou a Consellería de Política Agroalimentaria. Á cita concorren marcas de viño tinto e branco en barrica de madeira elaborados na Comunidade Galega, baixo o control dos consellos reguladores das Denominacións de Orixe Valdeorras, Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra. En total, establéceronse seis grupos de catas, cinco para os viños brancos e un para os tintos, pero ata mañá non se fará pública a lista dos máis valorados polos expertos, que pertencen a diversos ámbitos relacionados co sector vitiviñícola. É o caso de José Serrano , xefe de sección Productos da Vide do Ministerio de Agricultura, a profesora de enoloxía Mar Vilanova , a sumiller Isabel Rodal ou Isidro Moneva , da Asociación Nacional de Comerciantes Especializados en Viños, entre outros. Todo o proceso está supervisado, ademáis, por un xurado que forman funcionarios da Consellería de Política Agroalimentaria e membros dos cinco consellos reguladores. : COIDADO DO CÉSPEDE. A estas alturas, ninguén tería que dicir a ninguén que o céspede dos parterres instalados hai só uns meses en Daniel de la Sota non debe pisarse. Pero ante a evidencia de que algúns fan oídos xordos a esta elemental norma de urbanidade, alguén da zona viuse obrigado a recordala, iso si, dun xeito peculiar. Hai só uns días aparecera no medio do parterre (na zona que xa non ten céspede) o debuxo dunha ovelliña saltando un valado e advertindo que polo parterre «os animaliños pasan e as persoas non». Onte a ovelliña desapareceu e no seu lugar aparecía unha «man» coreana cortando o paso á selección española de fútbol, en plan chave de karate . Todo sexa por conseguir este bo propósito, aínda que sexa por narices. O que é unha mágoa e que parece difícil que volva a medrar a herba nesta zona axardinada.