O «lobby» galego

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

21 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

: RESACA DAS LETRAS. A pregunta do millón: ¿Como consegue Xosé Ramón Gayoso resucitar a Boney M ano tras ano no seu programa Luar ? Non lla fixemos nós (aínda que o tema nos preocupaba), senón o ex-pregoeiro do entroido pontevedrés Sergio Pazos , un dos archicoñecidos reporteros do televisivo Caiga quien Caiga . E tampouco a fixo no seu programa, senón antes de comezar xuntos unha mesa redonda baixo o título A resaca das letras na Facultade de Ciencias Sociais. A resposta de Gayoso non puido ser máis sincera: «O home é o mesmo, pero as mulleres van cambiando. Eu tamén seguirei tanto tempo en Luar como Boney M ». Con tanta broma, non parecía que no salón de actos do centro se fose celebrar unha conferencia. Ós dous presentadores uniuse por un día a actriz Teté Delgado , que non dubidou en saudar a Pazos como o novo «príncipe de Beckelaer», polo seu recente cambio de look (adeus á súa coleta). Éste contestou que se debe a «esixencias do guión», ó parecer, por unha obra de teatro, Atraco ás tres , na que Pazos sustituiu a Iñaki Miramón . : O «LOBBY» GALEGO. Pazos e Delgad o forman parte dese fenómeno migratorio de artistas que algúns consideran xa un lobby galego en Madrid, xunto a outros personaxes do espectáculo como Paula Vázquez , Liborio García o Paloma Lago . O certo é, aseguran, que Galicia «se vende soa, ó igual que todo o galego». Pero por se acaso, eles exercen na capital como embaixadores da causa. «O que nós tentamos é levar licor café, augardente de herbas (sen pagar as taxas); en fin, ensinar a cultura galega e as cousas que se fan aquí», di o reporteiro, quen engade que tamén fai filloas ós seus amigos. Sergio Pazos incluso comentou que no Rastro madrileño nalgunha ocasión alguén se referiu a el como «ese que fai de galego en Caiga quien Caiga ». Pola súa banda, Teté Delgado , que traballa na función teatral 23 centímetros e que está a piques de estrear a película Marcha Verde , considera que «temos unha terra como para non marchar de aquí, pero chega un momento en que hai que emigrar, como fixeron os nosos avós. De súpeto, comezamos a irnos, e agora temos alí montado todo un emporio de galegos». «O que pasa e que máis ou menos, sempre volvemos para aquí». De tódolos xeitos, di que o que máis lle gusta en Madrid é «maldicir en galego, porque podes dicir a maior das burradas e ninguén che contesta nada»... : O MÁIS SERIO foi sen dúbida, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso , o único que se referiu á cuestión de fondo sobre a pervivencia da lingua galega, en relación co título deste ciclo de conferencias. Gayoso destacou o labor que a televisión autonómica desenvolveu no eido da normalización do galego despois de 17 anos de transmisións. «A xente vai entendendo que este é un idioma máis, como pode ser o inglés ou o francés -dixo-. Pero temos que tentar investigar e profundizar para falalo máis». O alma mater de Lua r non cre que o idioma vaia desaparecer, como din algúns estudios, aínda que advirte que iso «só dependerá de nós». Tamén Sergio Pazos confesou a súa peculiar forma de familiarizarse coa lingua autóctona: «empecei traballando na lingua galega con María, a primeira moza. Logo foi Ana e despois xa viñeron outro tipo de linguas». Con estas pequenas mostras de bo humor matinal, o ciclo A resaca das letras finalizou onte na Facultade de Ciencias Sociais. As charlas da poeta Yolanda Castaño e da periodista Ana Expósito foron aprazadas ata novo aviso, segundo informou a organización. : CONGRESO SOBRE SARMIENTO . Despois dos festexos do 17 de maio, a resaca das letras galegas non quedará nesta actividade universitaria, nin moito menos. Mañá comeza no auditorio de Caixanova un congreso sobre Frei Martín Sarmiento , a quen como deberían saber a estas alturas se dedica este ano tan importante data. O simposio, organizado pola Consellería de Cultura, prolongarase ata o sábado e nel participarán destacados expertos na figura do polígrafo e na súa extensa obra, como Henrique Monteagudo , que pronunciará a charla inaugural, Eduardo Pazo de Guevara y Valdés , Xesús Alonso Montero , Xosé Luís Barreiro Barreiro , Ana Suárez Piñeiro , Isidro García Tato, Xosé Luís Axeitos o Sonia Varela Pombo. As facetas do Pai Sarmiento como ilustrado e a modernidade das súas ideas lingüísticas son algúns dos aspectos que se tratarán neste congreso dedicado ó autor de Vilafranca do Bierzo.