A letra con empanada entra

La Voz

PONTEVEDRA

PRAZA DA FERRERÍA

18 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

MISA. O primeiro, a misa, logo ofrenda floral a San Isidro, baile e finalmente empanada. A asociación cultural Beira do Río de Pontesampaio celebrou onte así a última xornada dunha semana adicada ás Letras Galegas. Como comer é un arte, e o culinario cultura, os máis de 130 socios celebraron unha comida campestre no parque da Xunqueira. Eso sí, aportado a comida a escote. Cada un ó seu e empanada na mesa de todos. GUARDERÍA. O apetito estaba xustificado. Baile arriba, baile abaixo, os grupos de danza galega da asociación amenizaron a mañá cos pasos ensaiados ó longo de todo ó ano. A verdade é que tempo tiveron de ensaiar. A longa tradición de aprender os pasos de baile comeza en non poucas ocasións cando os cativos non teñen máis que tres anos, según se encargou de explicar Mariló, a presidenta sen apelido da asociación, «non fai falta que o poñas, que xa me coñecen polo nome», di nun inciso mentres explica cómo funcionan os grupos de baile. «Hainos desde cativos ata mulleres casadas, a verdade é que case funcionan como se foran guarderías», confesa a presidenta. CHOIVA. Que chove, que non chove, que si, que non, que caia un chaparrón. Ó final non chove e houbo empanada para conmemorar o fin da semana dedicada ás Letras Galegas. Sen baile despois da comida, que o estómago non está xa para movementos. Entón que facer cos cativos sen a guardería dos grupos de baile. Todo solucionado. A organización instalou no campo da festa uns hinchables -eses castillos de goma onde os pequenos poden brincar sen mancarse- para que a sobremesa transcorrera sen máis sobresaltos que os dos pequenos saltinbnaquis. MÁIS FESTA. Hoxe toman o relevo a asociación sociocultural de O Burgo. Comida campestre na horta cedida á asociación na avenida Juan Bautista Andrade, inscrita tamén dentro das actividades celebradas polo colectivo con motivo da semana cultural das Letras Galegas. Haberá pulpo, empanada, e un grupo de gaitas tocando a todo tren. PEDRALONGA NO BIERZO. De Galicia a Castilla León. A asociación cultural Pedralonga participa hoxe na homenaxe a Frei Martín Sarmiento que se fai en Vilafranca do Bierzo, a localidade natal do relixioso. O acto está organizado por diferentes colectivos en defensa do galego como a Mesa Pola Normalización Lingüística. A celebración comezará cunha conmemoración reivindicativa ás 12 horas seguida dunha comida popular. SARMIENTO NA CASA DA CULTURA DA AMIL. Ano Sarmiento, Sarmiento todo o ano. Dous días despois da festa das letras en Galicia, hoxe a asociación sociocultural e veciñal da Amil, en Moraña, organiza unha conferencia divulgativa sobre Frei Martín Sarmiento, na que falará Sonia Varela, autora do libro Frei Martín Sarmiento e a cultura galega. O acto terá lugar na casa da cultura da Amil ás 20 horas. Ademáis de cheos de coñecemento, os asistentes podense marchar para a casa cun dos tres libros que se sortearán entre os asistentes. RECUPERACIÓN. Hoxe toca recuperar unha tradición perdida: a romería de San Diego, no entorno da praia de O Santo, en Ardán. Co labor da Asociación Cultural de Ardán, que pretende acabar así con 17 anos nos que a festa se foi esquecendo ós poucos, tratase de que os festexos volvan ser o que foron en tempos. E será unha volta por todo o alto. Pasarúas matutino a cargo daBanda de Gaitas Anxiña de Santo Tomé de Piñeiro, que sairá desde a praia de O Santo, seguida dunha misa solemne ás 13 horas na igrexa de Santa María de Ardán, un concerto da banda de gaitas... Xa pola tarde, no campo de Carballedo, a partir das 18 horas, xogos populares e educación vial. E á noite, verbena cos orquestas Isla e Grupo Fantasía. E para os que aguanten, unha queimada ás 3 da madrugada.