As institucións vólcanse na promoción do padre Sarmiento desde Pontevedra

REDACCIÓN PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

DÍA DAS LETRAS GALEGAS Deputación, Xunta e Concello participaron nun acto sobre o benedictino no instituto que leva o nome do frade Os actos centrais do Ano Sarmiento sucédense coa proximidade do día 17. Se o próximo venres Pontevedra será o escenario principal do Día das Letras Galegas coa sesión extraordinaria que celebrará a Real Academia Galega na cidade, onte a Consellería de Educación, a Deputación de Pontevedra e o Concello participaron nun acto de exaltación da figura de Sarmiento no instituto de ensino que leva ó seu nome, onde todos os alumnos do centro recibiron un libro escrito polo frade.

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha iniciativa de La Voz de Galicia que contou co mecenazgo da Deputación Provincial posibilitou que cada un dos alumnos do IES Frei Martín Sarmiento recibisen un exemplar de Coloquio en mil duascentas coplas galegas, a obra do frade benedictino que se publica dentro da Biblioteca 120. O presidente da Deputación, Manuel Abeledo, suliñou a importancia da iniciativa cultural que supón a edición de 120 obras de autores galegos nun proxecto que dixo «contribúe a crear país». Asimesmo, destacou o esforzo que se está a facer desde Pontevedra para a promoción da figura de Frei Martín Sarmiento, de quen destacou a súa escepcionalidade como un dos máximos exponentes do pensamento ilustrado en Galicia. Unha opinión que compartiu o titular de Educación da Xunta, Celso Currás, que acudiu ó IES Sarmiento para descubrir unha placa conmemorativa, xa que o centro é o único de Galicia bautizado co nome do frade benedictino. O conselleiro destacou o interese de Sarmiento pola normalización do ensino en galego e incidiu na necesidade de seguir traballando para que os escolares galegofalantes sexan iniciados na educación académica na súa lingua materna. Pola súa banda o alcalde, Migel Anxo Fernández Lores, que acudiu o centro educativo en representación do Concello, afondou na faceta de pedagogo do homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas e felicitouse pola participación que diferentes asociacións culturais e sociais están a ter no programa do Ano Sarmiento, desde que os diferentes actos arrancaran o pasado 9 de marzo.