«Penso que podemos repetir mandato»

La Voz

PONTEVEDRA

XOÁN CARLOS GIL

ELENA LARRIBA LA ENTREVISTA Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Non é que acabe de chegar. Leva catorce anos no Concello, doce como concelleiro da oposición y dous como alcalde, o que lle da un coñecemento completo da administración local. Recoñece que gobernar non é fácil, sobre todo en minoría, con pactos puntuais, e máis cando as outras administracións non son afíns. De todas as maneiras, no paso do ecuador do seu mandato, está contento co que xa ten feito, independentemente dos atrancos atopados e a pesar daqueles que ve «empeñados en embarrar o campo». Miguel Anxo Fernández Lores pensa que os cidadáns valorarán o proxecto de cidade que está a levar adiante e pode repetir mandato.

09 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

-¿De que atrancos se queixa no seu goberno? -Non é cousa de queixarse. Nós estamos cumprindo os obxectivos que nos marcamos no que depende do Concello. -¿Que non puido facer nestes dous anos? -Nós mesmos tivemos que priorizar. Por exemplo, priorizamos o saneamento da ría, para dedicar os fondos europeos a eliminar tódolos verquidos urbanos. E eso levounos a deixar atrás o tratamento alternativo de residuos sólidos, a falta da colaboración da Xunta para financialo, aínda que seguimos traballando niso. Eu non me sinto cómodo en Sogama o que pasa é que os feitos obrigan a ser pragmático. -¿E no que depende doutras administracións? -Priorizamos tamén o traslado de Tafisa, pero dependemos da Xunta e da empresa, e non avanzamos á velocidade que quixeramos. Respecto a Ence, tampouco, na medida en que por parte da Administración central se cerran todas as vías de diálogo. Están actuando de forma prepotente e sen ter en conta ó Concello. Noutros temas, como o cuartel de Campolongo, por parte do PP local hai un intento de retrasar proxectos enfocados. Unhas veces faise de forma sibilina e outras descarada. Patrimonio tampouco nos deu facilidades, aínda que estamos abrindo diálogo e superando atrancos. -Ten media cidade levantada e outra media cabreada. -Queremos facer de Pontevedra unha cidade exemplar en calidade urbana, e ó mesmo tempo incidimos na dinamización comercial, administrativa e turística. Nesa liña traballamos, continuando as obras do Urban no centro histórico e dedicando máis cartos municipais a novos proxectos de mellora de servicios, de movilidade peonil do casco urbano e supresión de barreiras arquitectónicas. Coincidiu, ademáis, con todas as obras do gas e o cabo, que tamén son moi importantes. Todo isto leva certas molestias, pero estamos dando mostra de ben facer en obras xa rematadas, como os Soportais, Curros Enríquez e Oliva. -¿Só lle chegan as críticas ou tamén ten forofos? -Sempre destaca máis o cidadán cabreado, pero eu recibo na rúa moitas adhesións. Xente que non coñezo tenme dito, textualmente, «non lles faga caso, que protesten o que queiran». O resultado final da mellora da calidade urbana vaise notar e vai ser plenamente asumido pola cidadanía. -¿E que pasa co rural? -No rural estase facendo moito, o que pasa é que non é percibido polo conxunto da cidadanía, si polos veciños do lugar. A inversión está entre 50 e 100 millóns por parroquia. Estamos falando de máis de 1.500 millóns en asfaltados, equipamentos culturais e deportivos, arranxo de lavadeiros, novo alumeado... Imos tamén cos programas de humanización de barrios, propostos polo PSOE, e aspiramos a un equilibrio das parroquias. -En todo caso, os sondeos non lle son favorables... -Ser coherente con certos posicionamentos é difícil de entender nunha sociedade cunha historia e características especiais. Rexéitanos un sector pola nosa postura en cuestións como a separación de Iglesia-Estado. Pero, a valoración ten que ser global, despois de catro anos, e será positiva. -¿Pensa, entón, en repetir mandato? -Si, penso que non debería haber problema, porque estamos cumprindo os obxectivos e as promesas que fixemos, pese o que diga algún líder veciñal. A democratización do Concello é indiscutible; estase a facer un traballo no eido cultural importantísimo; en emprego e promoción económica o éxito e espectacular; e o mesmo en medio ambiente, servicios sociais, mocidade, deportes.....