«No Bloque as persoas son formigas»

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

CRISTINA BARRAL A ENTREVISTA Xulián Mateu Suárez Fontes, novo responsable local do BNG de Moraña Xulián Mateu Suárez Fontes convertiuse o pasado 10 de marzo no novo responsable local do BNG de Moraña. A palabra «organización» non abandona o discurso deste estudiante de Filoloxía Galega e Portuguesa de 25 anos, que compaxina o seu traballo en A Coruña nun negocio familiar coa arbitraxe -desde hai dos anos pita partidos de Segunda Rexional e xa sabe o que é estar de baixa por unha agresión nun campo de fútbol-. Suárez Fontes, que foi responsable comarcal de Galiza Nova, defende a campaña a prol dun cambio na denominación das rúas de Santa Lucía. Unha campaña, apunta, que terá continuidade.

25 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O novo responsable do BNG de Moraña afirma que o renovado consello local é unha «continuidade» do anterior. O órgano de dirección da organización nacionalista está formado por sete persoas, incluíndo ó responsable local de Galiza Nova, que é membro de dereito. O anterior responsable, Xosé Luis Souto, estivo cuatro anos no cargo. -¿Que pode aportar ó consello local? -Un cambio de persoa non repercute no que é a organización en si mesma, pero pode darlle un maior dinamismo. Quizais eu podo ter máis tempo para dedicarlle á organización, ou coñezo un pouco máis o que é o espectro organizativo a nivel comarcal. -¿Cal é a función dun responsable local? -É unha función fundamentalmente organizativa. Aparte de ser, sobre todo naqueles concellos nos que non hai unha presencia institucional, un responsable político, que ten que dar unha imaxe externa ou social. O cometido que se me encargou foi o de tratar de asentar as bases, que xa estaban creadas anteriormente en torno á organización en Moraña, e camiñar cara adiante. -Pese a ter un único concelleiro, o BNG móstrase moi activo. ¿É polas persoas? -Nunha organización como o Bloque as persoas son como formigas, aportan o seu traballo, pero o que prevalece é a organización e as ideas. Moitas veces a falta de tempo debilita a organización, aínda que penso que nese sentido no Bloque si somos exemplares. Dadas as circunstancias, en Moraña estamos nunha situación quizais chave para a gobernabilidade, e iso nos esixe máis. -A presencia de xente nova é importante ... -O BNG en Moraña fundaméntase practicamente de xente nova, de militantes de Galiza Nova, ou xente nova que non milita, pero que si participa. Porcentualmente, a presencia desta xente é moi alta. -Galiza Nova emprendeu unha campaña para cambiar a denominación numérica das rúas de Santa Lucía. ¿Por que non houbo debate? -É unha cuestión de dignidade coa cultura do país e non ten ningún atisbo de conflictividade. Aínda que a presentou Galiza Nova, a asamblea local do Bloque asumiuna por unanimidade. Primeiro buscabamos un impacto social, que penso que conseguimos. A iniciativa manipulouse cando se dixo que se propoñían determinados nomes para as rúas, que só se citaban como exemplos. -Eses exemplos, entre os que estaba Sabino Arana, ¿foron acertados? -Quizais non son os máis adecuados para explicarlle á xente, pero nunca foron unha proposta. O que pretendemos agora é que se faga un estudio da realidade toponímica de Moraña e da vila de Santa Lucía e, a partir de aí, propoñer nomes. Non se trata de facer unha proposta impositiva nosa, senón de que haxa un diálogo e de que a xente aporte. Agardo que o equipo de goberno acceda a ese diálogo, aínda que eles xa se teñen posicionado e apostan por manter o que hai.