José Ramón Gómez Besteiro: «A xestora non é mellor para dirixir o PSdeG só por ser xestora»
ESPAÑA
Di que non lle importa que a actual dirección pilote o proceso de renovación
04 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Preside a Deputación de Lugo e é o secretario provincial do PSdeG. José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) sabe que no proceso de renovación ao que se enfronta o seu partido son moitos os militantes de toda Galicia que teñen a vista posta nel. Déixase querer pero non se pronuncia, porque cre que na organización hai agora mesmo espírito construtivo «que se pode desfacer se se visualizan intereses persoais; xa chegará o momento». Pero ten moi estudadas cales son as liñas que debe seguir o partido en canto a ideoloxía, modelo de sociedade e militancia. O alcalde de Lugo di que Besteiro sería un extraordinario candidato a liderar o PSdeG; o interesado insiste: «Falar de persoas frearía este proceso e o espírito construtivo». De momento, non ve inconveniente en que sexa a actual dirección a que pilote o proceso de renovación.
-Hai xente no seu partido que está segura de que vostede será candidato á secretaría xeral. ¿Será así?
-Eu aprecio no partido una nota xeral positiva, que é que a xente non está en actitude derrotista. Vexo unha actitude construtiva. O que pode desfacer todo isto é que se visualicen intereses persoais; xa chegará o momento.
-O proceso de renovación, ¿debe estar a cargo da actual dirección ou dunha xestora?
-A min non me importa que a dirección dirixa iso, sempre que o proceso non se alongue no tempo. Hoxe non teño motivo para desconfiar de que non o faga ben.
-Entón, ¿nada de xestora?
-Todo é discutible. Se vexo algunha intención avesa por cuestións persoais ou de dirixir o debate, cuestionareino. Tampouco unha xestora é mellor só por ser, porque se chame, xestora.
-No seu partido danlle moitas voltas ao asunto das primarias, pero ao fin... ¿Haberá primarias desta volta para elixir ao secretario xeral do PSdeG ou non?
-O secretario xeral debe ser elixido en primarias, si. Pero non sei se será posible facelo neste momento.
-Hai quen quere ver a José Blanco en Galicia...
-Blanco é un capital que non se debe perder. É unha persoa nova, un lucense que xa foi nada menos que ministro e vicesecretario xeral do PSOE.
-Xa que falamos de nomes propios, hai días que se di que o alcalde Orozco será senador por designación autonómica...
-Non me consta que iso vaia ser unha realidade neste momento. Puido ser o que quixo e só quixo ser alcalde de Lugo. Aí está a súa grandeza. Poderá dispoñer sobre o seu futuro.
-Escoiteille dicir que o proceso de renovación ten que asentarse en varios eixos. Di que un deles ten que ser a ideoloxía e a memoria...
-Si. O PP non quere ter memoria. Póñense nerviosos cando se fala, por exemplo, de Felipe González e dos cambios que promoveu o PSOE. Está claro que se desdebuxamos a nosa imaxe, se perdemos identidade para chegar a máis xente, conseguimos o contrario do que perseguiamos. A xente ten que saber que vota cando vota socialista. Pódenos perdoar os erros, pero está claro que nos penaliza cando somos incoherentes.
-Pois, dadas as circunstancias, van ter que traballar moito na definición ideolóxica...
-Temos que sacar a bandeira da importancia da política, porque só a través de política é posible cambiar a sociedade. Temos que defender o estado de benestar e deixar ben claro que non é o culpable da crise e que os principios socialdemócratas están plenamente vixentes; aí está a liña vermella, porque a dereita está tentando eliminar o estado de benestar. A xente ten que saber que o que nos diferencia do PP é o modelo de sociedade. Non todos somos iguais; fronte ao sálvese quen poida estamos os que cremos que non se pode deixar á xente polo camiño.
-¿Que consecuencias podería ter o rearme ideolóxico do PSdeG nas propostas á sociedade, por exemplo no terreo fiscal?
-Temos que recuperar a conexión coas clases medias que logramos nos 80, porque grazas á clase media e aos seus impostos progresou esta sociedade. E isto leva ao campo fiscal; é necesaria unha mellor redistribución.
-¿Inclúe intervencionismo estatal no campo económico?
-Hai que redefinir os espazos do público e do privado. E si, o Estado ten que manexar conceptos intervencionistas nalgúns casos. Penso que en Galicia é necesario no sector primario, e concretamente no lácteo. Hai que revisar o concepto de intervención na economía; no agro, é fundamental.
-¿E o marco territorial?
-Hai que redefinilo, porque provoca tensións ilimitadas. O que debe marcar os límites é a igualdade de oportunidades en canto a servizos esenciais.
-Sei que ten algunha proposta sobre onde deben estar as papeletas nas xornadas electorais...
-Nos colexios electorais e só aí. Que cada quen colla a que queira. É unha maneira de aforrar.
José ramón gómez besteiro presidente da Deputación e secretario do PSOE de Lugo
«No tema dos desafiuzamentos, igual non fomos suficientemente valentes»
«Cando avanzamos é cando somos innovadores nos gobernos»