Boto de menos o sol dos amigos cando escurece outubro, como carbón, en Galicia das marabillas. Boto de menos as bocas dos amigos con lentitude, caladamente, como querendo dicir que nunca me faltan. As lanternas que iluminan cando navegas un túnel sen Sábato, sen orquídeas, sen zapatos de Cinsenta. Boto de menos que as palabras de moda nunca estean de moda no corazón. De menos un amor arrebatado que escriba poemas: ollos ollos ollos no recanto da outonía. Cando un bota de menos, un está vivo. Celebro nestes días de estertor, luz morrente, a treboada exacta dos afectos. Agora que ninguén parece querer a ninguén boto de menos aos que aman, pese a tanto. Os que están cando son necesarios, os que non marchan cando ti os precisas, os que non cambian a Bob Dylan pola música lata, os pais que coidan aos seus nenos columpio por columpio, os que teñen unha ilusión pola que vivir, os que non desisten, os que resisten, os que fan da boa educación un mandamento (canto repudio a ordinariez e o «matonismo» dalgún predicador da política), os que son bos e xenerosos, os que non saben odiar, os que saben querer, os que mandan flores sen remite, os que cren, os que teñen fe aínda que a fe en ocasións escape, os que escriben «ámote» nas paredes do presente, os que non escoitan ao profesor explicando e miran á última mesa da aula onde está ela/el, os que saben que a amizade é o maior de todos os credos. Por iso, pola amizade, boto de menos o sol dos amigos cando escurece outubro. E así, amigablemente, escribo esta columna a once do dez do doce. O mundo cambia e os amigos permanecen. Non teño outra certeza.