Francisco Rodríguez: «Non recibín de Vendex nin cartos nin nada de nada»

pepe seoane OURENSE / LA VOZ

ESPAÑA

Santi M. Amil

O rexedor ourensán nega que teña pisos en Brasil e reloxos de valor. «Nin casas, nin barcos, nin pisos en Brasil, nin reloxos, nin sobres»

29 sep 2012 . Actualizado a las 14:32 h.

Francisco Rodríguez (Palmés, 1953), aínda alcalde socialista de Ourense, deixa hoxe a actividade política. Imputado na operación Pokémon, sen apoio do seu partido para continuar, renuncia.

-Fontes da investigación sinalan que recibiu un Rolex como regalo da trama. ¿Ten algún? ¿Ten reloxios con valor de mercado de máis de 1.000 euros?

-Non. Nin da metade da cifra.

-Tamén se investigan supostos inmobles da súa propiedade en Brasil. ¿Ten pisos alí?

-Non.

-Apartamentos na praia, chalés, un iate... Mesmo nalgún momento se falou dun rexistro nunha propiedade familiar en Nigrán.

-Nin pisos, nin apartamentos, nin barcos. Nada. Na cidade teño un piso, si, de noventa metros cunha hipoteca a 35 anos.

-Dise que recibiu de Vendex sobres con diñeiro en efectivo...

-Habería que saber a cambio de que. A pregunta obrígame a unha reflexión. Con todo isto o que se intenta encontrar en min é que era un alcalde que, por prebendas e por medio de detalles e outras cousas, favorecía a esa empresa. ¿Como é posible cando nos últimos concursos aos que se presentou, como o de axuda a domicilio ou a limpeza de colexios, perdeu? Volvendo á pregunta, de Vendex non recibín nin cartos nin por mensaxería. Non recibín nada de nada.

-¿Retirou multas de tráfico?

-Ningunha.

-¿Colocou xente en empresas de Vendex como pago a favores?

-Aquí teño que facer un matiz. Se un día chamei a Vendex foi nun caso extremo, de necesidade, para que mirasen se lle podían dar una oportunidade a unha persoa. Si que o fixen. E aclareino. Era unha situación grave. Son centos de persoas as que veñen a un alcalde a pedir que lles botes unha man. Algún márcate, o seu caso non te deixa durmir, e falas con amigos.

-¿Tivo contactos con directivos de Vendex ou participou en comidas nas que estivera o expresidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Fernández Liñares, ou o alcalde de Boqueixón?

-Na vida. Ao alcalde de Boqueixón nin o coñezo.

-Pero con Liñares tiñan unha boa relación no Concello...

-Non. A verdade é que nunca houbo boa relación. Non sei se é correcto dicilo, pero era así. Puramente institucional. ¿Se comín a solas con Liñares algunha vez? Nunca o fixen.

-¿Houbo algo que lle chamara a atención no interrogatorio?

-En conxunto, non. Ao marxe de que non soubera por que estaba alí. Si acaso, que se tratara de demostrar, ou iso parecía, que eu exercía influencias para conseguir para esas empresas servizos do Concello, cando non é así. De feito, perdeu un. Había un de limpezas de centros oficiais paralizado, e que agora está a información pública.

-¿Por que pensa que está imputado neste procedemento?

-Supoño, e simplemente o supoño, porque a investigación afecta a unha empresa que presta servizos neste concello. Os da ORA e a grúa, por exemplo, veñen de hai moitos anos anteriores a nós. Mesmo non gañaron un concurso. Se por algo intentamos caracterizarnos é por ser transparentes e rigorosos nos procesos de persoal e adxudicación de obras e servizos. Nunca están exentos de protestas e é habitual entre os que perden. Para min, dito con todo o respecto, era unha decepción cando me trasladaban o resultado dunha mesa e gañaban empresas de fóra. Pero respectábao.

-¿Que lle queda no persoal?

-O recordo dun trago durísimo, o valor da liberdade, a dor polo dano á familia. Foi excesivo. Eu só souben do motivo da miña detención o terceiro día, diante da xuíza. Os calabozos son moi duros. O afecto recibido estes días foi unha gran compensación.

-¿Sentiuse maltratado?

-A xente actuou con profesionalidade. O trato foi todo o correcto e bo que podía ser.

-A carreira política está acabada. ¿Volve ao instituto?

-O luns pido a incorporación.