Sempre é tarde para implorar a hora da verdade. Sempre é tarde cando ten que ser ela quen emende o dano feito. Tarde toda vez que irreparábel, tarde para un plumazo de 200 familias limiás sen futuro. Houbo tempo de atender a chamada do sentido común, houbo tempo de dar a cara. Non se fixo. Atrás quedan gasodutos, plans de modernización, compromisos de saneamento financeiro. Xa non interesa.
Agora as solucións xa poden quedar polo camiño, ese camiño por onde tamén pulula a dignidade de alcaldes, presidentes e demais prebostes institucionais promotores e cómplices do macroproxecto empresarial dos 3.000 millóns das antigas pesetas, a salvación da Limia. O proxecto que lonxe de ser a nosa salvación e sacar a Xinzo do atranco, converteuse no certificado da caida, do fin do ciclo político de Isaac Vila e a súa corte. Hoxe, sábado 5 de decembro de 2009 Vidreira do Atlántico ven de anunciar suspensión de pagos desvelando un parte de defunción de 15 millóns de euros, preto do que custou pola en pe; pechando drasticamente a operación especulativa máis noxenta do partidismo gobernamental recente; artellando a maior operación de voto cautivo da democracia e deixando finalmente na desolación a boa parte das xentes da nosa comarca.
Axudas oficiais, subvencións públicas, liñas de crédito a fondo perdido, subsidios millonarios, todo o noso potencial económico, o investimento público multimillonario destinado as maiorías sociais e o seu benestar, a hora da verdade, non chegaron a ninguén, nin sequera ao presidente da casa do empeño.