O porteiro


Hai cousas que non precisan explicación. Quizá por iso un non se detén en aclarar a súa xenealoxía ou apelidos. Os meus, Caneiro por un lado, e polo outro Pérez Chaves. Chaves é unha estirpe que en Verín ten raíz. Raíz de fútbol e outras variantes. Cando eu comecei a traballar na Niton's, 1981, tiven a fortuna de facelo co meu parente Pepe Chaves. Era o porteiro da discoteca. Sempre me daba bos consellos. El, con sesenta. Eu, dezaoito. Sentía admiración polo Pepe. Din os que saben de fútbol que era mellor que o seu irmán Avelino e, quizá, o xogador de maior talento que deu Verín. Avelino Chaves, que finou o luns pasado, xogou en Primeira División varias tempadas e en Zaragoza era un mito. Pertencía a unha brillante saga futbolística/verinesa: Cabido, Martín Esperanza ou o exquisito Octavio Cid, ao que pretendeu o mellor Valladolid da historia e dixo non. Pepe Chaves, o meu parente, puido chegar a un gran equipo pero fichou mal. Foi a Portugal e os portugueses confundíronlle as ansias. Vividor, entusiasta da noite, foi deixando o fútbol de lado. Avelino, porén, triunfou en Zaragoza. Hai anos o Paco Mariló, cliente habitual da Niton's, visitou a cidade da Pilarica. Andaba na procura dun bo restaurante. Preguntou a un viandante. O viandante preguntou tamén: «Es usted gallego?». «Sí, de Verín», respostou o Mariló. «Caramba, como Avelino Chaves». O Paco sacou peito e presumiu da súa orixe. O zaragozano sabía, por boca de Avelino, que o gran talento da familia era Pepe. Interrogou: «Y Pepe, qué ha pasado con él». «Es portero», contestou o Mariló. «Esa familia lleva el fútbol en la sangre», concluiu o zaragozano. O Mariló calou. Hai cousas que non precisan explicación.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos
Comentarios

O porteiro