O farol


Botemos os bois por diante do carro, os argumentos que imos defender neste escrito son dous: as expresións artísticas son agora máis importantes ca nunca e por outra banda a carraxe non debe dominar as decisións pseudo-políticas.

Coida a quen te coida, berro do colectivo enfermería, agora que as forzas parece que se esgotan coma a batería do móbil precisan do apoio da sociedade. “ A noite é mais escura antes de clarexar”, a campaña de vacinación futura precisa dunha coordinación que non asemella sinxela vista a experiencia da gripe estacional. Por outra banda a torsión e a extorsión das estatísticas, poden non reflectir as realidades das curvas epidémicas, a piques de igualar o número de persoas mortas da primeira vaga.

A un ano das marchas de Verín non se pecha, estamos preocupados polo expediente a Javier Castrillo, aquí o primeiro dos argumentos, quen garda carraxe non pode ocupar postos de dirección e menos cando os criterios daquel peche son ocultos. O segundo e máis importante, é momento de reivindicar a figura de Castrillo a través da arte. Poño como exemplo o que vin en Gante e que me gustaría para a area sanitaria do Támega. Visitei Gante cando estaba a ler a biografía de Carlos V, fillo de Juana e de Felipe, foi esta cidade flamenca que o veu nacer e a que tamén castigou por non pagar as taxas impostas. Fun acompañando a lectura cos relatos de Martin Lutero, Hernan Cortés, e Francisco Pizarro. Estaba eu no século XVI, cando foi a instalación de Alberto Garutti, italiano, quen me trouxo a realidade. Ai Nati Oggi é o título da obra, cando nace un bebe na cidade, a nai pode premer un botón que fai que a luz do farol sito en Saint Pharaidis, a quilómetros do hospital, latexe. Un dar a luz convertese nun prender a luz, o barrio e a cidade son coñecedores da nova.

Estamos a ver comportamentos políticos mesquiños, de navalladas en canellas escuras polo que descartamos que se poda nomear o hospital co nome de Javier, pero un farol nos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós e Vilariño de Conso co seu nome, é viable. Cada día que naza unha criatura alumeen os candis destes concellos

A honorabilidade e a profesionalidade deste galeno relucirá por sempre.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O farol