Entroidos

Xosé M. Rodríguez ANACOS

VERÍN

Nesta provincia de pobos abandonados, mozos emigrantes e empresas que viven da soidade mantense unha importante tradición, ancestral nalgúns casos, que xa está chamando ás portas.

Máis alá do triángulo máxico do entroido, que como todas as mensaxes dese estilo ten máis de política de propaganda que de realidade, hai unha ampla cultura festiva e unhas tradicións que fan de Ourense un lugar de cita obrigada á hora de falar da festa da despedida da carne e do marabilloso gozo da vida.

Dende os entroidos máis concurridos -como os de Verín ou Xinzo- aos máis enxebres -que mesmo poden pasar por Laza, Maceda, Covelo, Viana, Vilariño e tantos outros lugares- ou ourensáns foron capaces de manter un legado que converte á provincia nun espazo que, nisto si, é un punto de cita obrigada na península á hora de falar de máscaras, persoaxes, costumes e tradicións populares.

Nos últimos tempos foise traballando na protección, coidado e potenciación do entroido de Ourense. Mesmo se promoveron ou se participou en proxectos de grande interese, como o da Máscara Ibérica, e hai xa unha conciencia de seu que non era algo que tivese moito arraigo no gran público tempo atrás. Outros, como algúns espazos que se abren para a foto e logo se pechan, merecen algunha reflexión seria. Aínda que a festa e os entroidos todos están por riba de políticas de pailáns.

Sen caer no exceso dalgún momento, o entroido ourensán merece a aposta seria de todas as institucións para facer del un dos sinais de identidade da provincia. Máis que moitas alloadas e ocurrencias que soen agromar aos poucos.