Ourense non é España


Na miña casa teño varias estatuas. Realmente non son estatuas, son bustos. Pero non está tan mal. Vivo en sesenta metros de casa con catro mil libros, e poida que demasiadas botellas de whisky, e o sitio non dá para máis. O caso é que quería engadir á estatua de Buda e á de Valle-Inclán un par de cabezas máis. De pedra, claro, que isto non é Francia.

Cobizo ter na miña casa ese busto que retiraron do concello de Barcelona. Porque Juan Carlos I, o rei emérito, é o Iker Casillas da monarquía. Pero quero tamén outro. O que encargou aquel alcalde de Os Blancos para inmortalizar a José Luis Baltar, a Manuela Carmona do caciquismo.

Pero hoxe é 25 de xullo e en Soutomaior, Taboadela, celebran o Santiago con foguetes. E traen ao DJ Kiko Rivera e á Panorama, que son como o Baltar ou o Juan Carlos da música.

Mentres reflexiono sobre o DJ, fico marabillado ao comprobar que o fillo dixo que hai que cumprir a lei. O fillo de Juan Carlos, Felipe VI, non o fillo de Baltar, que xa o dá por sabido. Ten graza, porque en Teoría do Dereito estúdase o da monarquía como un caso que se considera atenta contra a lei, contra o artigo 14 da Constitución, que di que todos somos iguais. Eu, que vexo todos os días como as institucións e os poderes públicos, e os cidadáns, saltan a lei, comprobo que non o somos. Pero isto xa o sabiamos.

Bromas á parte, hoxe non estaría de máis lembrar as persoas falecidas e feridas no accidente de Angrois. Para as súas familias ten que ser un duro trago. Algúns deles viven con nós, na nosa provincia, na nosa cidade. Ten que ser difícil ver como Renfe e Adif incumpriron toda a normativa de seguridade, e as institucións miran para outro lado. Como cando hai uns días en Boborás un tren causou un gran lume. Nese caso, nunca hai responsables. Pero claro, o problema do país é Catalunya. Pois haberá que facer como alí e dicir que Ourense non é España. Por non ser, parece que non somos nada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

Ourense non é España