CHEGOU O LUME, como todos os veráns. Desgraciadamente, é xa como se fose outro dos eventos da estación. Vino primeiro o sábado, bailando feliz a un lado e o outro da estrada, preto de Santiago, envolto na fumata branca da leña seca e a nominación papal. E logo, o día despois, tras unha noite de escoitar os hidroavións pasar co bandullo cheo de auga, contemplei a pegada do paso das lapas polas terras de Barcia: os seus pés sucios arrastrados pola herba, as abas dos montes calcinadas, os bosques arrasados, como dentaduras podres. E todo isto tan só na volta dunhas poucas horas. Non é estraño que os antigos considerasen ó lume un deus. Realmente o parece: crea, destrúe, é incorpóreo, é intanxible, non ten forma definida. Nada se parece máis á idea dun espíritu, dunha alma humana se existe (e de aí as velas votivas ao pé dos altares e as representacións da ánimas no Purgatorio), que ese espectro amarelo e vermello que latexa estes días no corazón dos montes. Como un deus, o lume enxéndrase a si mesmo e está en todas as cousas e en todas partes porque, así como as augas do mundo son a mesma auga dividida en ríos, mares e pozas, todos os lumes do mundo son en realidade un só lume ( «Todos los fuegos, el fuego », escribiu Cortázar). Xa, por ter as características do sacro, nin sequera lle falta ó lume revestirse do misterio, que é outro dos atributos da divindade, e que no caso dos incendios forestais de Galicia é un misterio doble, porque despois de tantos anos e tantas teorías e tantos remedios que se intentaron, seguimos sen saber que é o que hai detrás dos incendios. Desde logo que é un misterio que desafía á lóxica. Simplemente, non pode ser que este sexa o único delito no que non hai confidentes nin arrepentidos nin xuízos nin detencións, e que cando as hai sexan un mostrario de excepcións e non a regra: o home solitario obsesionado polo lume, o fumador que conduce, o excursionista neglixente... Non pode ser que a masa dos incendios de cada verán quede como o crime perfecto, ano tras ano. Non pode ser, pero é, e así seguimos: vendo Galicia convertida anualmente no inmenso cinceiro dun fumador xigantesco, nun San Xoán incontrolado da propia natureza que dura meses e volve recurrente. Por iso, aínda que non se pode dicir que sexa unha noticia de actualidade, porque non hai nada máis antigo neste mundo que o lume, pensei que había que dedicarlle un artigo.