Rebaixas escolares

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

RIBADAVIA

01 jul 2017 . Actualizado a las 21:22 h.

Dende hai anos vén sendo habitual que coincidindo co remate do curso escolar, a Consellería de Educación anuncie o peche de centros educativos. Este ano a decisión é máis escandalosa do habitual polas formas empregadas, xa que se fixo un día antes de que rematara o curso e nalgúns casos por comunicación telefónica, e tamén polo fondo porque os cambios introducidos van supoñer o desprazamento de máis de 500 escolares, e a adaptación a horarios e prestacións distintas dos centros de orixe, xerando todo elo un grave prexuízo para os nenos e nenas e as súas familias, e para os docentes.

Cando os campións dos retallos pensan onde meter a tesoira, sempre teñen en mente a provincia de Ourense, e neste caso non ía ser menos. Nesta ocasión os damnificados serán os veciños de Ribadavia, onde o baleiro que deixará o traslado de 178 alumnos a outro centro será previsiblemente cuberto polos colexios do perímetro rural cuxo desmantelamento se aproxima. Tamén os de Entrimo, onde eliminarán unha das tres unidades escolares do CEIP Santa María la Real.

O certo é que as escolas rurais son a día de hoxe unha especie en extinción. O son, en parte, debido ao progresivo despoboamento que sufriu o mundo rural neste país nos últimos 50 anos, pero tamén aos criterios economicistas que cegan aos que gobernan impedíndolles ver que as escolas pechan o círculo vital e de servizos básicos para un pobo ou unha determinada comarca rural. Nese sentido, que haxa nenos supón, para moitas pequenas poboacións repartidas ao longo e ancho da nosa xeografía, a delgada liña entre a vida e a morte, entre a alegría e a tristeza. Se hai nenos é que hai pais e nais, é dicir, cantos máis meniños, máis adultos en idade produtiva. A maior produtividade, maior tecido social e económico, máis servizos e, en definitiva, unha mínima calidade de vida para todos. Por iso, a supervivencia destas escolas rurais foi sempre un asunto vital para poboacións do interior como as de Ourense, onde a experiencia nos demostra que un pobo sen nenos está condenado a desaparecer.