A ourensana que Fernández Naval atopou en «Casablanca»

PONTEDEVA

09 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedamos esta noite no bar de Rick. As dez. Casablanca en La 2 de TVE. ¿Outra vez? Está todo dito desa película. Ou non? Hoxe é un bo momento para ver a Sara. É da provincia Ourense, de Pontedeva. Polo menos iso di o escritor Chisco Fernández Naval. A primeira vez que contou que había unha rapaza de Ourense na película de Curtiz fun correndo mirar. «Esa rapaza que sae cando entra no bar Víctor Laszlo con Ingrid Bergman», dicía. Xa, pero esa rapaza non di nada. «Pois precisamente por iso: ¿Por qué non pode ser de Ourense?», retrucaba, con sorna.

Como chega Sara a Casablanca está contado por Fernández Naval no seu libro Historias roubadas (Everest Galicia) publicado no 2010. Os pais de Sara eran dous mestres en Pontedeva. Por ser republicanos, en 1940 tiveron que fuxir a Rodeiro, en Portugal. Alí estiveron agochados un tempo, nun furado que fixeron debaixo dunha lareira, ata que a policía portuguesa empezou a torturar as persoas que os escondían. Eles, coa súa filla, saíron para evitalo. O oficial da policía portuguesa, vendo a beleza da moza, decidiu axudalos, xa que si os mandaba para España sabía que os condenaba a morte. Preguntoulles a onde querían ir. Eles dixeron que a Casablanca. Alí acaba a realidade da historia e empeza a ficción porque Fernández Naval sitúa a Sara no bar de Rick. «Entre Sara e Rick existía unha corrente de simpatía, quizais por ser ela española, fuxida da ameaza fascista, e por ter loitado el nas Brigadas Internacionais en favor da república», escribe Naval nun relato titulado De Rodeiro a Casablanca. Despois da escena na que cantan a Marsellesa «berraban todos celebrando aquel triunfo, ¡viva Galicia!, ¡viva a República!, berrou Sara brindando con Karl, o camareiro contable do Rick’s que era para todos como un pai», escribiu.

Por iso hoxe quedamos no bar de Rick, para ver a Sara, a de Ourense.