Caneiro reivindica a faceta ourensá e a excelencia de Camilo José Cela

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

PIÑOR

MIGUEL VILLAR

O escritor recolle nun libro as súas reflexións sobre «Mazurca para dos muertos» e outras obras do Nobel

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como «un acto de ourensanía histórica» calificou o presidente da Deputación de Ourense a publicación do traballo de Xosé Carlos Caneiro titulado Ourense, galeguidade e excelencia na obras de Camilo José Cela. José Manuel Baltar e o escritor verinense presentaron onte o libro editado polo organismo provincial, un volume que incide segundo o seu autor en tres aspectos: na relación da obra de CJC coa provincia de Ourense, na súa galeguidade e na súa excelencia como escritor. O libro de Caneiro ábrese cun estudo adicado a Mazurca para dos muertos. Ademais de incidir na relación de Cela coa provincia, de xeito especial coas terras de Piñor -neste municipio e en Cea está ambientada a novela- e as orixes dunha das súas ramas familiares nesta zona, o escritor amosouse convecido de que «é a novela do rural galego e a que pertence por dereito propio ao triángulo das mellores obras de Camilo José Cela; o que estaría formado por La familia de Pascual Duarte, La Colmena e Mazurca para dos muertos». Tamén salientou Caneiro Madera de boj, calificando de «obra menor» La Cruz de San Andrés.

No traballo do escritor verinense editado pola Deputación de Ourense inclúense apartados adicados ao estudo de títulos como Pascual Duarte, La Colmena ou Oficio de tinieblas, faise unha análise das diferentes etapas creativas e incídese na súa excelencia e mestría como escritor.

Colaboracións xornalísticas

Xunto ao traballo que Caneiro centra na obra, na galeguidade e na excelencia da escritura de Cela, o creador de Verín tamén inclúe varios artigos seus publicados en La Voz de Galicia. O autor lembrou que leva case que trinta anos como colaborador do xornal e que a figura do Nobel galego foi unha referencia para el. Artigos como os realizados logo dunha visita á Fundación Cela, o que reivindica a súa galeguidade ou

Unha prosa para o centenario e un día de CJC

figuran no libro.

«Hai que recuperar e potenciar a relación do escritor coa Limia e coa lenda da lagoa de Antela»

Xosé Carlos Caneiro e José Manuel Baltar coincidiron na valoración da iniciativa presentada onte. Ámbolos dous salientaron o feito de que a Deputación e a provincia serán os últimos «en presumir de Cela, en presumir da nosa provincia e en presumir de ourensanía como homenaxe a un autor excelente e maxistral, polo de agora o último español que conseguiu o premio Nobel», segundo sinalou Caneiro. -Vargas Llosa conseguiuno despois mais é un escritor nacionalizado-.

Un dos aspectos nos que se incidirá con Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela será en divulgar a figura do escritor nos institutos e na Universidade. A maiores organizarase un ciclo de tres conferencias. Unha será en Ourense, outra na zona de Piñor-Cea e a terceira na Limia. «Hai que recuperar e potenciar a relación do escritor coa comarca da Limia e coas súas lendas. Unha parte da saga dos Cela vén da Limia e en Mazurca di que a orixe da mesma está nunha ra da lagoa de Antela», lembrou Caneiro.