Rosa María Díaz Naya: «Unha biblioteca ten que estar constantemente dándose a coñecer»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Rosa María Díaz Naya, directora da Biblioteca Nós
Rosa María Díaz Naya, directora da Biblioteca Nós Santi M. Amil

A Nós, que cumpre catro anos en San Francisco, rexistra altas todos os días

01 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con permiso do Arqueolóxico, que leva pechado máis de vinte anos e aínda agarda polo remate da reforma, o caso da Biblioteca Nodal de Ourense foi dos que fan historia no que aos atrancos e retrasos se refire. O que en teoría ía ser un proxecto que permitiría contar cun edificio novo para o servizo no que estaba chamado a ser o complexo cultural de San Francisco tiña que estar rematado no 2004. Quince anos despois, o 23 de decembro do 2019, o ministro de Cultura José Guirao —finado no 2022— procedía a inaugurar as instalacións. Co centenario da revista e a xeración Nós ás portas —o primeiro número saíu en outubro de 1920— as novas instalacións remataron sendo unha homenaxe permanente a aquel movemento. A Biblioteca Nós cumpriu catro anos e a súa directora, Rosa María Díaz Naya (Bergondo, A Coruña, 1968), incide na resposta da cidadanía e na actividade que se desenvolve na mesma.

—Cal é o balance?

—Moi positivo. Pasamos de non ter sitio a unhas instalacións mellores, con comodidade, todos os servizos, espazos para traballar, accesibilidade e unhas condicións excepcionais para atender as demandas do usuarios.

—Que salientaría destes anos?

—O traballo do persoal. Obviamente a mudanza fíxoa unha empresa, pero organizar as fichas, clasificar o material —tanto o que está a disposición dos usuarios como o depósito ou a documentación especial—, dar resposta ás necesidades do novo espazo... Iso é o que merece todos os meus parabéns. Tanto os que xa estaban como as novas incorporacións desenvolveron un traballo excepcional.

—Escola de Música e Teatro, Concellería de Educación, Auditorio, Escola de Artes e Oficios e Arquivo están á beira. O entorno axudou a potenciar o servizo?

—Obviamente a proximidade aporta e temos usuarios que veñen a clases a algunha das escolas e aproveitan para traballar aquí. O entorno axuda, pero o máis importante é a nova situación e o feito de que nos fai máis visibles para a cidade en xeral e para o barrio e a zona na que estamos.

—Nos primeiros meses as altas foron moitas. Mantense o ritmo?

—Ao principio foi algo inusual. Tivemos días de noventa altas de socios. Logo meteuse polo medio a pandemia. O novo emprazamento e contar cunhas mellores instalacións deunos outra visibilidade e non hai día en que non se rexistre un novo socio.

—Cal é o perfil tipo do usuario?

—Como tal non existe porque é moi variado. Tes desde xente maior que pode vir a ler os xornais ou as revistas a persoas que se achegan a participar nas actividades, as que veñen estudar ou a preparar oposicións, a traballar, os pais que asisten cos fillos á bebeteca ou á sección infantil... É un público moi variado e que ten toda a liberdade, aquí non se lle pide o carné a ninguén e as actividades son abertas.

—Mellorou o coñecemento do servizo por parte dos ourensáns?

—A biblioteca é máis coñecida, pero esa circunstancia sempre se pode potenciar. Hai xente que aínda non sabe que estamos aquí —xeralmente están fóra e ao volver á cidade van ao edificio de Concello— e persoas que poderían ser usuarios pero non coñecen todos os servizos que prestamos. Unha biblioteca ten que estar constantemente dándose a coñecer e divulgando o que fai para atraer a esa porcentaxe de persoas ás que seguramente lle podemos aportar cousas. É un traballo que facemos coas visitas guiadas e a colaboración cos colectivos e as asociacións.

—Dende hai anos incídese no novo modelo, na condición de espazos dinamizadores para superar o vello esquema do silencio.

—Todos os esforzos que se fan na actualidade van nesa liña. Nós traballamos para ser partícipes da vida cultural da cidade. Queremos que se nos vexa como unha referencia e un espazo no que a xente se sinta a gusto cos libros, coas actividades que desenvolvemos e ser unha alternativa de ocio para todas as idades, un lugar que complemente as grandes referencias do día a día, como o traballo ou o fogar. A Biblioteca é dos usuarios e da cidade de Ourense, e o noso principal obxectivo é que sexa un lugar do que os ourensáns se sintan orgullosos.

«Nas actividades que desenvolvemos ao longo do ano participan máis de 7.500 personas»

As novas instalacións de San Francisco remataron cunha situación de falta de espazo que impedía desenvolver unha actividade acorde co que se necesitaba dende había anos. Esa circunstancia xa é historia e a Biblioteca Nós ten no seu dinamismo e no seu amplo programa de actividades un dos seus sinais de identidade.

—A oferta de iniciativas é un elemento identificador dos tempos actuais?

—Coas novas instalacións é obvio que podemos facer moitas máis cousas que antes, xa que non tiñamos sitio para realizalas. Aquí dispoñemos de catro salas para adultos, unha específica para infantil e outra multidisciplinar e estamos en condicións de facer varias actividades simultaneamente.

—A que pode acceder o usuario?

—Temos propostas para bebés —de 1 a 3 anos—, logo para 4 a 6 e un terceiro apartado que vai de 6 a 12 anos. Contacontos, obradoiros e outras iniciativas forman a oferta. E para mozos e adultos o abano de posibilidades é moi amplo: contamos con talleres de escrita, clubs de lectura en varios idiomas, de cómic, novela negra, faladoiro en inglés, cinema e outras propostas. Iso é posible grazas á implicación de moitos colectivos e persoas e, de xeito moi salientable, das que forman parte do voluntariado cultural da Xunta de Galicia, que contribúen a facer posible todo isto doando o seu tempo e compartindo con nós os seus coñecementos.

—Canta xente asiste ao programa cotiá da biblioteca?

—Nas actividades que desenvolvemos ao longo do ano participan máis de 7.500 personas. Para nós é un valor engadido que se impliquen nas mesmas e traballamos sempre para que a nosa oferta chegue ao maior número de público posible por se eses ourensáns poden estar interesados nas mesmas.

Unha lectora que ama a novela negra e sente paixón polas viaxes

Rosa María Díaz Naya licenciouse en Xeografía e Historia na USC. No 2003 comezou a traballar na Biblioteca Central de Vigo e logo de dous lustros na estrada —vivía en Ourense— incorporouse como directora na Biblioteca Nodal. O espazo xa o coñecía, na súa condición de usuaria. Na actualidade dirixe unha biblioteca con case que 7.000 metros cadrados de instalacións que conta con preto de 45.000 carnés activos e leva superados os 277.000 préstamos dende que abriron no complexo cultural de San Francisco. O seu discurso mantén o mesmo compromiso que cando chegou ao edificio da rúa Concello: «Esta é unha biblioteca con moita historia e o noso obxectivo é ofrecerlle á xente un espazo de convivencia, de balde, cuns servizos que poden dar resposta ás súas demandas, no que non se pide nada para formar parte del, aberto e democrático. Esa é a tendencia de futuro, unha realidade na que o importante son os servizos que se prestan á cidadanía e onde o máis valioso son os nosos usuarios, non os documentos que custodiamos».

—Como lembra Concello?

—Con moito cariño. Era no seu día unha biblioteca avanzada para a cidade e foi medrando en altura e ocupando todos os espazos posibles, ata que quedou superada polo tempo e a demanda,

—Por que se decantou pola rama de Biblioteconomía?

—A verdade é que non tiña unha preferencia por ningunha das especialidades da carreira. Apostei por esta e cada día estou máis satisfeita de facelo.

—Hai dous anos crearon o espazo CreOU para os novos artistas e a sala de visionado audiovisual. Como foi a resposta?

—Moi boa. Contamos cunha lista de artistas que queren expor aquí e para nós é un orgullo dar a coñecer a novos creadores ourensáns. O visionado de película ten unha boa demanda, sobre todo agora no inverno.

—Segue a compaxinar a súa paixón fóra do traballo?

—Si. Mercar libros que me interesan, visitar as librarías ou as feiras son unha paixón que se compatibiliza co traballo. E a novela negra, a literatura de viaxes e os idiomas son unha preferencia.

—As viaxes pendentes?

—Son moi urbanita. Volvería a Roma e Atenas e teño pendente Berlín. E Toledo... e moitas máis.

Quen son.

«Unha persoa que estudou grazas ao esforzo de miña nai e ás bolsas que daba o Estado e que cre na capacidade dos servizos públicos para axudar a superar as desigualdades».