A autora, que recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática, esta este martes no campus de Ourense
31 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A sala Emilia Pardo Bazán do edificio de Ferro abre esta tarde (ás 18.00 horas) as súas portas a docentes en formación e en activo e ao público en xeral interesado na literatura infantil e xuvenil. Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) é a protagonista convidada pola Facultade de Educación e Traballo Social a esta segunda xornada do ciclo que, nesta edición, céntrase no teatro. Un terreo ben coñecido por Paula Carballeira que é actriz aparte de autora. Aínda que a dramaturxia non é maioritaria na súa traxectoria como escritora, foi gañadora en varias ocasión do certame Manuel María de Literatura Dramática Infantil, e este mesmo ano acadou o Follas Novas de Teatro con «As Alumnas», obra pola que tamén acaba de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura.
—Que a motivou a escriber teatro para nenos ou mozos?
—Cando aínda estaba estudando Filoloxía traballaba ao mesmo tempo nunha biblioteca especializada en literatura infantil e xuvenil e aí foi onde empecei a pensar que este podía ser o meu mundo. É un eido que sempre me pareceu moi interesante porque penso que é a base de todo o demais e permite moita liberdade estilística. As persoas adultas temos unha serie de prexuízos que os pequenos non teñen aínda. Digamos que se nos vai encorsetando a mente segundo nos imos civilizando.
—Cal é, ao seu parecer, o papel que debe xogar as creacións literaria no eido educativo?
—O ámbito escolar é fundamental para o achegamento das familias á lectura. Máis alá dos intereses de cada nai ou cada pai, a escola ten unha tarefa de mediación importante para achegar unha selección do máis axeitado entre o que se publica. Esa tarefa do ensino é esencial porque forma parte da aprendizaxe da vida. Pero penso que non é san limitar o libro a unha ferramenta pedagóxica, porque é moito máis ca iso. E no caso dos libros de teatro, aínda máis.
—Por que razón?
—Porque ademais da aprendizaxe da lingua, un libro de teatro propicia a expresión oral, o traballo en equipo e, sobre todo, está a compoñente lúdica, o xogo, que para os nenos é algo fundamental. O teatro aporta ferramentas para a comunicación, a expresión e incluso para a socialización. Aínda hai temor a ler teatro, como se fose algo especialmente complicado cando precisamente no ámbito infantil e xuvenil é o xénero ideal.
—Como explica que haxa tan poucos autores que se animen a escribir teatro para nenos?
—Mestúranse varias cousas. Hai que ter en conta que unha cousa é o teatro no ámbito educativo e outra o profesional destinado ao público infantil. Nese segundo caso hai unhas necesidades de produción, porque se vas montar unha obra para representar non podes meter vinte personaxes porque implica contratar vinte actores, pero no ámbito escolar iso é precisamente o habitual porque tes mínimo eses vinte na aula. Facer obras específicas para traballar con elas nos colexios é complicado precisamente por iso e, de feito, xeralmente son os mestres os que fan adaptacións en función do número de alumnos que teñen. As persoas que escribimos teatro pensamos nun marco escénico máis alá do educativo e cando creas unha peza tes que pensar que pode ser feita en calquera momento por calquera persoa.
—E qué pasa con mozos?
—É un campo moi específico dun público que queda un pouco en terra de ninguén. No teatro adulto entran moitas franxas de idade e obviamente non é o mesmo un espectador de trinta que de cincuenta ou sesenta; e o mesmo pasa cando escrebes literatura infantil, que non é igual ter tres anos que dez. Á rapazada máis moza ten máis complicado encaixe en calquera das dúas. Algúns estamos sensibilizados en que hai que crear público para que logo a xente vaia aos teatros, pero tanto na infancia como tamén na adolescencia para que non se desenganche. Un exemplo é Raquel Castro, que tamén participa neste ciclo de literatura infantil e xuvenil de Ourense e que impulsou un concurso de textos dramáticos para secundaria. Hai un interese por ter textos para ese público concreto.
—Onde está a dificultade?
—Non é tanto en dar cos temas que lles interesen, porque cando creas unha obra na que falas de marxinación, de soidade ou de amor, son temas que en tódalas idades se entenden porque afecta a todos, o que cambia é a forma. Normalmente os escritores botamos man do nivel de lectura tendo en conta que ese texto o poden ler diferentes persoas ou en distintas épocas da vida, e tentamos de non restrinxir nin poñer demasiadas fronteiras. Aínda que sexa unha obra infantil normalmente tamén ten ganchos para público adulto, porque normalmente os nenos non van sós a ver unha obra de teatro, senón acompañados de nais, avós ou tíos. Pero non van os mozos, que quedan un pouco no medio porque teñen un rexeitamento a todo o infantil e aínda non teñen as ferramentas de adultos.