MARTINA MISER

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As miñas fillas e as súas parellas hai tempo que deixaron de pagar en efectivo e case nunca levan cartos enriba. Por iso, sempre que imos tomar adoitan queixarse porque nós sacamos axiña os cartos e non os deixamos pagar.

As primeiras veces que fun tomar algo con Tom, o meu xenro holandés, el non entendía esas présas para pagar e, unha vez, mesmo lle esaxerei que en Ourense un home estivo a piques de matar a outro porque se pelexaron a ver quen pagaba.

Lembro a súa cara de abraio pola anécdota inventada e confesoume que iso non pasaba en Holanda.

Con todo, logo de vivir aquí varias anos, el xa sabe que non todo o mundo está disposto a se pelexar por ser o primeiro en pagar. Todos temos exemplos de persoas que parecen ter os cartos apegados ao peto.

No pasado, para buscar algo de xustiza contra esta xente, mesmo xogabamos as consumicións ao chinchimoni, esa lotería elemental que, se non che tocaba, polo menos a achacabas a unha sorte pola que todos, mesmo os chuchóns, tiñan que pasar.

Na actualidade a cousa de pagar está a se complicar porque desaparece o efectivo e moita xente xa non anda cun can no peto, como acontecía antes cando máis de un levaba un feixe de billetes no moedeiro non tanto para presumir como para solucionar calquera urxencia ou para pagar en man unha chapuza que se fixese na casa.

Agora mesmo hai un límite de 1.000 euros para pagar en efectivo e case todo se compra electronicamente deixando unha pegada dixital que evita fraudes ás arcas públicas. Mais non todo o efectivo ten por que ser fraudulento, nin todo o mundo ten a mesma capacitación dixital. Por riba, hai pagos que afectan á intimidade persoal e algunha xente prefire o efectivo por comodidade aínda que só sexa para poder pelexarse na barra dunha taberna e pagar unha rolda de viños.