O MACUF para Ourense!

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que andamos queimando os últimos foguetes da celebración do 68 non hai como recuperar o espírito daquel tempo para lembrar que sempre é unha boa estratexia pedir a lúa para que nos dean aquilo que necesitamos.

Xa pedimos de todo, e ben nunca nos foi. Aínda que tampouco convén que nos poñamos agora a choromicar, e non por dar mágoa senón porque seguramente non vai cambiar moito o panorama. Pedimos un circuíto de Fórmula 1 ou unha estación de Norman Foster para o paxaro que vai a rentes da terra, por aquilo de apuntar un par de exemplos, e temos algún recinto para coches de autocross, e centros de BTT que seica están en auxe, e unha intermodal que a poucos semella convencer.

Aínda a risco de non conseguilo, que non vai ser pois contamos con todas as bazas ao noso favor e máis que foran, estou certo que o noso seguinte paso está claro: Ourense debe reclamar a colección do antigo MACUF -o Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa. Xa sei que agora é MAC, mais iso soa a ordenador- para que non marche de Galicia. Que Naturgy quere pechar o museo que ten na Coruña para aforrar en persoal e de paso facer caixa vendendo o edificio? Pois imos nós e ofrecemos o vello cárcere, a praza de abastos da Ponte -ou a outra, e buscamos un amaño para o mercado- o novo museo que seica disque vai estar en San Francisco, no antigo hospedaxe de xentes do camiño, ou o Centro de Parques Naturais. Será por espazos.

Volvamos ao 68. Pidamos a colección do MACUF. Nada temos que perder.