Bóveda, memoria de Ourense

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O Concello lembrou a figura do político e pensador nun acto con gaitas e ofrenda

05 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era agosto de 1936 cando os fusiles do bando sublevado apuntaban a Alexandre Bóveda arrebatándolle a vida nun monte de Poio (Pontevedra). Onte, o Concello de Ourense lembraba a senrazón daqueles anos que nos privaron de intelectuais, a golpes e sangue espallada, a través da figura do galeguista ourensán. O alcalde da cidade ensalzou a Bóveda cualificándoo como un «traballador e figura pública comprometida pero, por riba de todo, persoa; unha persoa asasinada pola ideoloxía do fascismo».

Coas gaitas a modo de introdución, o rexedor, acompañado do seu equipo de goberno, subliñou que «a lembranza da súa morte debe servirnos, despois de oito décadas, para superar as nosas trincheiras particulares e avanzar da man cara a un futuro próspero, común e solidario».

Alexandre Bóveda foi un dos motores principais do Partido Galeguista -que viviu os seus anos de esplendor durante a segunda república- e un recoñecido comunicador. Neste senso, o alcalde sinalou as súas dotes para darse a entender e comprender, nun camiño de ida e volta, as demais ideoloxías. «Hoxe celebramos o don de linguas de Alexandre Bóveda, e non me refiro aos idiomas, refírome á capacidade de saberlle falar a todo o mundo no seu idioma».

Vázquez lamentou a ausencia do fillo do homenaxeado, José Luis Bóveda, que finou fai dous anos. Un dos cinco que o intelectual tivo xunto a Amalia Álvarez Gallego nos escasos seis anos de matrimonio que viviron apresuradamente, como se fosen conscientes do tráxico destino que lle agardaba ao pensador.

Representantes da fundación que leva o seu nome uníronse ao acto de lembranza do político, no que se colocou unha ofrenda floral aos pés da estatua que se fixo na súa honra, na rúa da Barreira, no casco vello da cidade.

Jesús Vázquez pediu tamén unha reflexión aos presentes. «Houbo un tempo, non tan lonxano, no que defender unhas ideas podía levarnos a perder a vida», dixo antes de amosar as súas condolencias polo atentado terrorista do sábado pola noite en Londres.

O alcalde rematou a súa intervención incidindo en que era un «intelectual, comunicador, integrante da xeración máis brillante da historia da nosa cidade, e engrandecer a nosa cidade pasa por lembrar a súa figura, e lembrar a figura de Alexandre Bóveda significa a repulsa por calquera tipo de violencia por pensar diferente».