Reportaxe | Homenaxe a dúas ribeirenses Juana Pérez e Dolores Rivas poden presumir de ter os mesmos anos que a localidade na que viven felices
29 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?índa que nos últimos tempos a esperanza de vida é maior, chegar aos cen anos é un premio ao que ten acceso pouca xente. As ribeirenses Juana Pérez Martínez e Dolores Rivas González son dous exemplos de como cumprir esa idade mantendo un saudable aspecto. As dúas manteñen unha graza natural e a suavidade da súa debilitada pel que calquera diría que alcanzaron a centena. Pese ás sensibles pegadas do paso do tempo, mostran un espírito novo, como lle sucede á tamén centenaria cidade de Ribeira. Algún achaque propio da súa avanzada idade e os documentos de identidade son os únicos reflexos de que naceron no 1906. Juana Pérez fíxoo un 16 de xuño e desde entón viviu case sempre en Castiñeiras. No ultramarinos familiar traballou ata que morreu a súa irmá menor, e decidiu marchar a Ourense. Logo regresou ao seu fogar, onde convive co seu sobriño, Manuel Loureiro, e a súa dona, Elisa González. Nestes días acompáñana os fillos destes últimos, Reinaldo e Diego. Emocionada «Fáiseme moi pesado» e «non me queda ninguén» foron algunhas das poucas palabras que pronunciou, pois estaba moi emocionada, durante a visita do alcalde, José Luis Torres, e dos concelleiros Luciano Fernández e Juana Hermitas Crujeiras. Esta última detívose coa súa homónima ao decatarse de que a recoñeceu cando lle preguntou polo tempo que levaba no concello. Juana Pérez despediuse de todos cun «felices festas». A palmeirense Dolores Rivas (22 de setembro de 1906) tamén recibiu unha homenaxe. Torres Colomer lembroulle que cando era mozo xogaba cos seus sobriños Eduardo e Toribio, quen se encarga dos coidados da anciá. Ela, que recoñeceu que perdera algo de oído, faloulle do seu traballo como ama de chaves no pazo Torre de Xunqueiras con Filomena de la Senra, e dos negocios que rexentou en Madrid, Estoril, Brandeso e Ulla. Ata o 2001, cando se lesionou nun ombreiro, «aínda baixaba á horta», dixo. O mandatario, en nome dos ribeirenses, homenaxeou a Juana Pérez e Dolores Rivas, tal e como o fixo o 24 de agosto con Ventura Gude. Entregoulles unha metopa co logotipo do centenario de Ribeira. Torres Colomer salientou que tamén se pretende honrar á todos os veciños que viviron no último século.