TEMAS DO PAÍS | O |
11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.PARECE de sentido común que unha Federación de Asociacións de Veciños teña como obxectivo a defensa dos intereses dos asociados e veciños en xeral. Digo isto porque chama a atención que Limiar somentes atope nos orzamentos do Concello unha eiva: que os estudantes que non sexan de Ourense non podan beneficiarse do bonobús para eles, e polo tanto, a única alegación sexa precisamente que tamén estes se beneficien. Para os dirixentes do movemento veciñal non hai, pois, nengunha necesidade que cubrir. Todo está no mellor dos estados posibles. A auga, os alcantarillados, as beirarrúas... O Barbaña está limpo e as cañerías da Ponte non desaugan directamente no Miño: ilusionante perfección. Despois quéixanse de que o alcalde presente os orzamentos á prensa antes de explicárllelos a eles, porque din que non conta coa opinión do movemento veciñal á hora de elaboralos. É para que xa saiba de antemán que conta coa súa submisión. O respeito hai que gañalo cada día cunha actuación digna en defensa dos intereses dos veciños e diso en Limiar non se entende moito.