Comendo no ambulatorio

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OÍMBRA

09 ago 2018 . Actualizado a las 20:49 h.

Será co calor que ata as formigas andan despistadas. A lotes corren estes días polas habitacións do hospital de Ourense en busca de alimento, para horror de todo os que alí as ve (fáciles de ver, que as hai a moreas). Mágoa que as pobres formigas se equivocaran de espazo. Onde parecían estar convidadas era no centro de saúde de Oímbra, que o domingo se transformou durante unhas horas nunha sala de exposicións de comida co gallo da Festa do Pemento. E ao Sergas pareceulle ben. Que non facían mal ningún os pratos de comida por alí servidos, que total o domingo non se atende a ninguén no ambulatorio (que as fins de semana os veciños se precisan ir ao médico, xa se trasladan). Ao Sergas todo lle parece ben. Se defenden ata o infinito que obrigar aos pais a facer 50 quilómetros para levar aos seus fillos pequenos a que os vexa o pediatra ou a que lles dean unha vacina... como non lles vai parecer ben encher un centro de saúde de ensaladillas e empanadas? Que estamos en verán e en verán todo vale! O verán tanto serve para xustificar unha praga de formigas como a supresión do servizo de pediatría no rural. Total, en verán ninguén enferma... Quizais o de Oímbra o que viña sendo era un recado para os veciños, na idea de que vaian pensando en festas e outras actividades para encher de vida un edificio que quizais algún día deixe de ter uso sanitario. Semella lonxe, pero con ese recurso do Sergas de falar sempre de cupos e números, igual non demasiado tarde toca reagrupar. Como agora cos nenos do Macizo Central, que van a Maceda ao pediatra, porque ao Sergas parécelle ben.