«O rescate da memoria é un acto de xustiza»

Cristina de la Torre

O IRIXO

A escola unitaria de San Xoán de Río chamarase desde o sábado Antonio Caneda, un profesor republicano que naceu e deu clase na parroquia de Medos e foi fusilado en 1937 no Irixo, con 31 anos. A recuperación da súa memoria é un exercicio de xustiza histórica para toda a sociedade, pero sobre todo para a súa familia, que durante xeracións evitou mirar atrás.

-¿Na familia tiñan presente a figura do seu tío avó?

-Moi pouco, xa que a miña avoa, que era a súa irmá pequena e morreu hai dous anos, evitou sempre falar do tema. Afectoulle moito. O asunto foi evitado durante dúas xeracións.

-¿É complicado agora reconstruír a súa historia?

-É difícil atopar documentos, pero temos a axuda de Xosé Manuel Cid que relaciona a Antonio Caneda cos intelectuais ourensáns da época. Tiñan uns prantexamentos didácticos moi avanzados, vixentes incluso no tempo actual.

-¿E sobre a súa morte?

-Atopamos a acta de defunción feito polo párroco de San Cosme do Irixo, onde o enterraron. Alí consta que o corpo tiña varias balas e onde o mataran. O lugar onde está enterrado sabémolo por unha sobriña daquel cura, que nos sinalou a tumba.

-Na homenaxe deste sábado hai ademais un testemuño vivo, un alumno do mestre Caneda.

-É Maximino Vázquez, un señor que vai cumprir 83 anos e ten unha memoria prodixiosa. Recorda ben ao meu tío, porque a seu pai collérono un día despois que a el e estivo preso moitos anos.

-Esta homenaxe parece un principio...

-Para nós é o punto de arranque do rescate da súa memoria, que é sobre todo un acto de xustiza.