«Vou todo tranquilo ao xulgado, non hai nada»

María Cobas Vázquez
m. cobas O BARCO / LA VOZ

O BOLO

LOLITA VÁZQUEZ

O alcalde do Bolo, Manuel Corzo, está sendo investigado por presunta prevaricación administrativa

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo día 23, Manuel Corzo -alcalde de O Bolo polo Partido Popular- prestará declaración no xulgado de A Pobra de Trives dentro do proceso aberto despois de que o PSOE denunciara ao rexedor é a secretaria municipal por un presunto caso de prevaricación administrativa, por non facilitarlle información municipal aos edís da oposición. Corzo, recuperado dun accidente cardiovascular, di non estar preocupado por ter que ir declarar.

-O día 23 vai ao xulgado, ¿como está?

-Vou todo tranquilo ao xulgado, porque non hai nada diso. Igual en vez de xulgarme a min, teñen que xulgalo a el...

-Refírese a Juan Ferreira, o voceiro do PSOE, ¿non?

-Servirá para que se vexa quen é un e quen é o outro. Un home que vén aos pleno alterar a orde... Ata pensei en chamar á Garda Civil para que viñeran, porque espero que non teñan que sacalo do pleno. É unha persoa que non vive aquí e que está deixando mal ao Concello. Que insulta aos pedáneos e que vén aos plenos a dicirme que eu non son alcalde. E nin sequera me fala a min, trae xente e fálalles a eles no medio dos plenos.

-¿O que denuncia é mentira?

-Ese señor é un aranero. É un señor que sabe que aquí hai un concello que non debe nada e no que hai algo cartos e quere vir xestionar isto. É un señor que vén aquí a ver se pode vivir do aire... El e os que están con el, que parece que gozan con estas cousas.

-¿Pensou en dimitir?

-¿Eu? ¡Como vou dimitir! ¿Como me fas esa pregunta? Eu non vou dimitir. ¿Eu que fixen? ¿Que erro ou inxustiza cometín para ter que dimitir? Non, non. Eu porteime como un cabaleiro sempre. ¡Por amor de deus! Se non fas nada, ¿como vas dimitir? Eu o día 23 vou tranquilo. Eu tiven nove secretarios diferentes e nin un reparo me puxeron. Así que ao xulgado vou tranquilo, porque me gusta que se aclaren as cousas.