A falla

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

MONTERREI

Santi M. Amil

24 jun 2021 . Actualizado a las 20:15 h.

A fractura da codia terrestre por causa de movementos internos da Terra, afirma o dicionario, denomínase falla. O Mariló é especialista en fallas e sucesos relativos ás mesmas. Todo procede das súas conversas co xeólogo da cuadrilla, o Juan Ramón do estanco. Estes días falouse moito no val de Monterrei, por mor dos terremotos de Laza, das fallas e os seus derivados. O Mariló asegura que hai unha falla que nace en Cabreiroá, preto do balneario, e chega ata Becerreá. Non discuto. El crece na conversa e segue parolando do asunto. Cada vez con maior número de datos e palabras raras: alodápico, centil, epitermal. Intento cambiar de tema. Pregúntolle cómo viviu as situacións de treboada e tremores vividos na comarca. El nin se inmuta. A súa filosofía resumiuna nunha frase que considero alta filosofía: «Déixate estar». Eu, que falo das causas da felicidade entre novelas, creo que dei coa resolución do enigma. O segredo da felicidade consiste en deixarse estar. O Mariló, de noite, escoita chover e o aire furibundo que parte ponlas e levanta tellados. Sente un leve tremor de terra. Un ciclón. Unha tempestade que non cesa. A maioría da xente alértase. El, non. Queda na cama e dille á Malucha: «Déixate estar». E engade: «Que é todo isto comparado coa inmensidade do universo?». Cando se pon transcendente é mellor non abrir a boca. Estes días dime que é feliz contemplando o ceo. Reflexiona e extrae conclusións para que eu poida escribir estas columnas. Insiste en que o importante é iso que aparentemente non importa demasiado. A falla de Cabreiroá aparece ou desaparece, segundo o Mariló. Porén, a esencia da felicidade non muda: «Déixate estar». O resto é complicar a vida.