Pantaleón

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

MONTERREI

SALA ONDARE

04 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

meu primo Gerardo fai calquera cousa por verme rir. Inventa palabras, por exemplo. O pasado domingo subimos a Monterrei. Ao castelo. Probablemente un dos lugares máis fascinantes de Galicia (para min, do mundo). Aproveitamos o asunto dos catro non conviventes e alá fomos. O Gerardo en cabeza. Levaba anos sen visitar a acrópole. Unha marabilla. No tránsito falamos das vacinas. Anda preocupado por se lle poñen a de «Astrasé faneca». Xa lle aclarei que a nós, por idade, correspóndenos a de Pfizer. Quedou contento, aínda que dixo que el prefería a de Johnson and Johnson. O champú, que el leva usando hai anos —confesoume— vai estupendamente. Prometeu que non poría «a de Putin». «Por que Gerardo», preguntei. «Alí beben moito», contestou. O vodka e as vacinas lévanse mal, segundo o Gerardo. Anda feliz porque o martes de entroido levárano á TVG. O único verinés que posúe todas as pegatinas que saíron ao longo da historia do entroido de Verín. Volveu moi alegre. Porque a el o que realmente lle gusta é visitar lugares pero regresar a Verín a durmir. Se non é así, cae vítima do estrés. Gustaríalle coñecer Roma e volver á noite. Pero como hai que regresar en avión non é posible. Os avións lévanse mal co Gerardo. Encheuse de nostalxia ao subirmos ao castelo de Monterrei. Cando era neno, cando ía cos amigos, cando aquilo era un campo de batalla de don Pelayo (iso dixo). «Que Pelayo?», preguntei estrañado. «O dos seguros», contestou rindo. Para finalizar o tránsito faloume de Grecia. Tamén lle gustaría visitar aquelas ruínas, asegurou. «O Pantaleón, neno, debe ser tan lindo como o noso castelo». Foi un domingo espléndido. O meu primo Gerardo fai calquera cousa por verme rir.