DIARIO DE AURIA | O |
17 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESPERTOU Monterrei con néboa. Sen esperanza. A néboa é un recordatorio do lugar onde estamos, un sinal de identidade, unha metáfora de nós mesmos: grises, nada, cegos. Auria envolta en néboa: a política, o plan urbanístico, a folga de sanitarios, de inspectores de traballo, a folga de bicos sen horario. Esta é unha provincia en folga permanente: de futuro, de ganas, de afán. Unha provincia mentecata. Será pola néboa. Ou pola sensación de fracaso que todos levamos con nós. Somos seres frustrados, por nacer aquí, por non saber de onde somos, medio portugueses, medio casteláns, galegos, agora que Galicia non sabe se está fundida como o Prestige ou se o Prestige foi un salvoconducto, o punto de inflexión para un porvir venturoso onde nada ha de cambiar. Mandarán os mesmos. Uns na política e nas finanzas, outros na cultura. E nós seguiremos contemplando a néboa calquera mañá de outubro. Instalados no tedio. Onde o fracaso é unha forma de ser e a esperanza un verbo imperfecto. Esperanza ¿para que? Son máis felices aqueles que viven na néboa. Deixándose acariciar polos seus dedos agora que a felicidade, como a esperanza, é unha estación perdida.