Este matrimonio ourensán leva vinte anos elaborando mel natural con beneficios medicinais
MONTEDERRAMO
Mel Casa Merche extrae de colmeas de Montederramo e procesa o produto nun obradoiro en San Cibrao das Viñas
11 mar 2026 . Actualizado a las 14:01 h.O matrimonio de Merche e Ricardo leva dende hai máis de vinte anos elaborando mel porque o entenden como parte da vida. «As abellas son uns insectos polinizadores necesarios para a supervivencia humana e os produtos medicinais tan importantes que producen non os fan outros», defende Merche Alonso. Dende San Cibrao das Viñas aproveitan eses beneficios do mel para elaborar un sen fitosanitarios, limpo e sen ferver. Así envasan un produto natural e saudable.
A parella ourensá iniciouse na apicultura por herdanza familiar: «Sempre houbo colmeas na casa dos avós e dos pais». Aos dous gustoulles o oficio e pasaron a comercializar a súa produción dende o ano 2000 baixo o nome de Mel Casa Merche, aínda que o marido tamén asume gran parte do traballo. É unha ocupación secundaria, xa que el é carpinteiro, pero para a que poñen todo o seu esforzo en conseguir un resultado de calidade. Incluso se levaron unha medalla de bronce ao mel artesán na cata de Galicia no 2024.
As colmeas de Casa Merche están na montaña de Montederramo, onde hai unha importante e «medicinal» floración que alimenta ás abellas e permite obter un mel de calidade. «En Galicia os mellores meles están en Lugo e Ourense, temos unha montaña moi boa», defende Merche. Teñen que loitar coa velutina e o ano pasado sufriron os incendios, quedando sen un apiario e reducindo á metade a produción. Da natureza de Montederramo extraen un produto con vitamina C e aminoácidos e despois trátano no obradoiro de San Cibrao das Viñas. Alí é onde viven e onde, por comodidade, fan o proceso de extracción, decantado e envasado. Aproveitan a materia prima tamén para facer caramelos, tintura, hidromel e licor. «Fomos ampliando os produtos porque agora hai medios para elaboralos», explica. Ademais, organizan actividades con asociacións ou usuarios de residencias para ensinar como se transforma o mel. Imparten unha parte teórica e outra práctica, cunha colmea expositora e a opción de poñerse un traxe, ademais de elaborar xabóns ou labiais: «Sen risco e sinxelo».