¡Belesar non!

CÉSAR CARNERO

MONTEDERRAMO

LA TRIBUNA | O |

29 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DE TOLOS, non se pode chamar doutra maneira, o proxecto de converter o encoro de Belesar en símbolo da Ribeira Sacra. En que cabeza cabe, é evidente que toneladas de formigón caben en moitas cabezas, reducir unhas das paisaxes culturais máis sobranceiras de Europa, cerne da nosa espiritualidade, da nosa identidade coma pobo, a un encoro que asulagou natureza, arte, historia e vida. Unha terra prodixiosa, de soutos e carballeiras, de rocha e aire, de auga que foi libre, de vides, de melros, de mosteiros e castelos, de pazos e igrexas románicas, de castros e aldeas, de monxes e meigas..., esculturas, pinturas, ourivería... reducidos a un muro de formigón; iso si, con luz e son.¡É de tolos¡ E grazas -non se consola quen non quere- que non é posible darlle unhas mans de pintura, como se pretendía, para facelo máis visible. Dá dor ver como se segue adiante cun proxecto nado fóra de Galicia. Ao parecer para o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, aquí non hai persoas preparadas que coñezan e amen a Terra, témolas que atopar en Navarra (por certo, ¡por alí tamén "disfrutan" encoros colosais!) Aquí, na Ribeira Sacra, en Galicia, ao parecer non existen historiadores, non temos paisaxistas, nin técnicos en turismo ou en conservación do patrimonio... ¡A Navarra hemos de ir¡, como di a copla. Eu non me estraño, á fin para o Consorcio non existe San Vicente do Pino (caése a anacos) nin a Fortaleza monfortina, non existe Montederramo nin Santo Estevo de Ribas de Sil, non existe o Colexio do Cardeal nin a Ponte Vella de Monforte (cuberta de silvas); tampouco existe o museo monfortino das Clarisas nin Temes; non existen os petroglifos de Proendos, tampouco temos pinturas murais (ollemos as de San Vicente estragándose) ou as do pintor de noso Castinande. Non, nada disto existe, existen as presas e sobre todo, existe Belesar. E nós ¿existimos para o Consorcio os que vivimos, sofrimos e loitamos neste corazón de Galicia? Corazón para nós fermoso, vivo e fecundo, alimentado con este Miño-Sil que a pesar dos encoros resiste e fai florear unha Riboira Sacrata. Qué diría Murguía ou Otero Pedrayo, qué Vicetto, qué Germán Vázquez, qué Manuel María... Qué dirán os que se acheguen a Belesar se esta tolada se fai realidade. Qué dirán os bos e xenerosos, os comprometidos coa Terra. Ben, aínda estamos a tempo de reconducir as cousas. Fagámolo para non sentir vergoña, nós e os que veñan despois de nós.