Manteño a ridícula teoría -se me permite falar en bos termos das miñas ideas- de que a especie humana non soporta demasiada realidade. Cada pouco necesita enfrontar un espellismo, unha mentira. Talvez por esta razón en Melón organizan unha carreira de porcos -na súa tradición ilustrada-, ou a Deputación -na súa tradición meritocrática- dilata para acoller novos funcionarios de familias solventes.
Non estamos preparados para aturar unha realidade sen interrupcións. O individuo busca fiestras, e salta a cegas, sen dicir «auga vai». Actúa sen un razoamento: abóndalle a desesperación. Estas revolucións que, periodicamente, emprendemos contra as cousas que pasan ao redor noso, dirímense segundo certa contradición, non carente de atractivo. Rulfo relata en Pedro Páramo como incluso os feitos de transcendencia histórica pasan sen unha base racional. «Como vostede ve, levantámonos en armas», anúncialle un bandoleiro a Pedro, que responde: «E?» «E pois iso é todo, parécelle pouco?» Pedro sigue sen comprender, e pregunta por que razón se levantaron en armas. «Agarde un pouco a que nos cheguen instrucións e desentrañaremos a causa. Polo de pronto, xa estamos aquí», aclara o bandoleiro, nunha proba de que a especie busca evadirse dos excesos de realidade.
En metade da normalidade precisamos saltar ao absurdo. Nunha ocasión, presenteime a xogar un partido de baloncesto directo dende unha festa de aniversario, nun estado de ebriedade total. Contáronme que me meteron en auga fría e fixéronme beber un litro de café. Entre o pouco que recordo e o que me contaron, seica faltaban dez segundos para rematar o partido, cando un compañeiro cometeu a quinta falta, e o adestrador elixiume para substituílo. Parece ser que me pasaron o balón, avancei en diagonal, cheguei a campo contrario, amaguei para un lado, fun para outro, e con dous rivais diante, lancei e encestei de tres puntos. Modestamente, unha xogada xenial. Gañamos.
Logo din que quedei tombado na pista, morto de risa, ate que me levaron para casa a durmir a borracheira. É dicir, necesitaba fuxir da realidade e actuei por desesperación. O alcohol salvoume. Entendo ao pobo de Melón, que busca nos porcos superar este mal panorama. Sorte.