Alúgase mosteiro

MELÓN

ANACOS | O |

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A política como plataforma de traballo social, ou iso era non hai moito tempo, sempre foi un espazo de atracción para os máis variados prototipos personais do país. E algúns cunha ampla traxectoria de episodios singulares en movementos sociais, veciñais, deportivos e noutros eidos. Un político fóra de calquera tipoloxía é o actual alcalde de Melón. Alberto Pardellas xa se fixo máis que coñecido polas liortas e as polémicas xeradas por el en Melón e no Ribeiro antes de chegar á alcaldía como sucesor do ex rexidor. E como moitos dos políticos singulares desta provincia antes de recalar na casa común de Baltar, ou do PP que é o mesmo, era un destacado detractor da política do presidente provincial. Agora Pardellas, que coa mesma facilidade levanta pavillóns sen permiso de Patrimonio no entorno do mosteiro -coa orde de derrubo pendente de executar- como organiza carreiras de marraos, volta á actualidade por viaxar outravolta a Madrid para pedirlle unha cita á ministra Trujillo. Co resultado que todos, Pardellas incluido, sabíamos xa antes de que se producira a súa particular marcha sobre a capital do reino. Se Pardellas, e Baltar, teñen a certeza -como tódolos mortais- de que o Goberno socialista non lle vai dar un chavo mentres manden en Madrid e os van tratar de desgastar co maior número de recortes económicos posibles e tendo en conta que o mosteiro de Melón non depende da igrexa nin de ningunha outra institución por ser propiedade da Deputación ¿por que non busca a Deputación unha saida alternativa para este proxecto cunha cadea hoteleira ou con outro grupo empresarial se consideran que finalmente o destino ideal para este conxunto é convertilo en hotel monumental?. Daquela terían unha alternativa para este patrimonio, xa que Fomento non vai facer nada alí polos séculos dos séculos.