Esquecidas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

MANZANEDA

05 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Falece un home de 61 anos esmagado por un tractor en Pedrafita. Unha persoa resulta ferida nas Neves, quedándolle atrapada unha perna baixo o tractor. Evacuado en helicóptero un septuaxenario tras un accidente de tractor en Manzaneda. Recordan a algo destes titulares? Os tres son dos últimos tres meses e amosan o reflexo máis sórdido da situación do rural en Galicia. Unha situación que non muda, senón que empeora.

Eu diría que estamos esquecidos. Digo isto porque se descoñecésemos a orixe do problema non seríamos quen de atallalo. Non é o caso. O noso dilema é que ninguén quere poñer o foco sobre a sinistralidade do sector primario: nin os gobernos nin a Dirección Xeral de Tráfico.

Hai moitos factores que inciden nun accidente de tractor, ben sexan as características orográficas e do relevo, as nulas homologacións ou un parque claramente antigo e deostado. Mais coido que a deficiencia principal esconde unha problemática moito máis profunda: a demográfica. Ningún político lle quere asignar a importancia suficiente ao feito de que estamos vendo que non hai relevo xeracional e que os máis vellos aguantan, traballan e intentan preservar un proxecto de vida aínda sen teren as súas capacidades físicas intactas.

Hai exceso de confianza, si, moito. Un tractor tarda apenas uns segundos en envorcar. Continuamos cunha lei de estruturas antienvorco obsoleta e con grandes baleiros administrativos. Non obstante, todo o mundo mira para outro lugar. A verdade non lles interesa, a DXT non fai campañas, é unha verdade a voces que a ningún político lle interesa escoitar. Sería confirmar que a Galicia idealizada en discursos e poderosas horas de oratoria en mitins, simplemente, non existe.