A estación de montaña de Manzaneda pode ser un dos exemplos máis próximos e palpables en Galicia do impacto do cambio climático, e tal e como reza o título do famoso documental sobre o tema, tense vido a converter nunha auténtica verdade incómoda.
Os intentos de explotala para a práctica dos deportes de neve chocan frontalmente co feito de que os días que neva veñen sendo e serán cada vez máis escasos segundo todos os estudos. Manzaneda ten moitos problemas graves neste senso. En primeiro lugar non só é a estación da península ibérica máis vulnerable ó cambio climático en todos os parámetros, senón que análises recentes amosan que non é viable cun aumento da temperatura do planeta de máis de un grao, o cal xa superamos. En segundo lugar, Manzaneda existe porque xa está aí. Se fose un proxecto novo a autorizar agora mesmo pode ser que nunca se chegase a realizar. No Cordal Cantábrico xa foi vetado en anos recentes tanto polo Tribunal Constitucional como o TSJ de Castela e León o proxecto da estación de San Glorio, con potencial dende o punto de vista dos deportes de neve moito mellor ca Manzaneda. Entre as razóns para elo a falla de viabilidade do proxecto por causa do cambio climático.
Entendendo que Ourense é unha zona de Galicia tradicionalmente maltratada por parte de consecutivos gobernos e máis se cabe a súa zona máis oriental, debemos requirir que as inversións que se fan sexan informadas e con sentidiño. Isto vai máis alá das boas intencións e cumprir cos mínimos legais. Ademais, non podemos caer no erro de considerar o complexo de Manzaneda dende un simple punto de vista de balance económico curtopracista: O cambio climático é ante todo un problema ambiental, que nace do feito de manter unha relación tóxica co noso planeta. Debemos mirar cunha perspectiva máis ampla. Porque se reflexionamos pode ser que a pretendida xeración da neve artificial, aló de requirir unha inversión económica moi elevada, non sirva para nada, porque entre outras cousas require unhas temperaturas e humidade que dificilmente se dan e darán no futuro. Este é o tipo de análise e debate previo con especialistas, que non semella terse producido, é o que se bota de menos. A maiores hai que vixiar que o consumo enerxético dos sistemas de innivación sexa de fontes renovables, xa que senón podemos entrar na contrariedade de tentar adaptar unha estación ó cambio climático mentres estamos a empeoralo. Hai que ter en conta que xa é común falar en boa parte das estacións de esquí de todo o mundo de algo que se está vindo a chamar como «adicción á neve artificial».
Como reflexión final, ante todo, probablemente todos pensamos que Manzaneda ofrece grandes oportunidades nunha contorna envexable, pero está nun punto no que require unha análise, unha investigación interdisciplinar, moito máis completa e pausada da que os nosos políticos e administracións semellan ter feito ata a data, pese a ter tomado decisións de gran calado ó respecto nos últimos anos.
Juan Antonio Añel Cabanelas é profesor titular da Universidade de Vigo (Campus de Ourense)