«Son alcalde coa única idea de poder traballar polos veciños»

María Doallo Freire
maría doallo O BARCO

MANZANEDA

Palma Roca

O socialista Amable Fernández toma o mando de Manzaneda cun foco de traballo centrado na xente do municipio

19 jun 2019 . Actualizado a las 17:30 h.

Amable Fernández naceu na parroquia de Cernado en 1968 e dende o sábado é o alcalde de Manzaneda, municipio que gobernará en minoría o PSOE. Aínda que leva formando parte da lista socialista dende o 2007, foi este ano cando por fin alcanzou o posto de cabeza de lista. Fernández leva toda a vida traballando no municipio. Dende fai once anos, como empregado de pompas fúnebres nunha empresa da comarca. Deixará este traballo nos próximos días para dedicarse de forma completa a alcaldía de Manzaneda.

-Agora que comeza a realidade do traballo como alcalde, como se sinte?

-Pois estou encantado da vida. Súper feliz. Para min, a política non é vocacional no sentido de que nunca tiven interese en dedicarme a ela, pero admito que é o paso necesario para facer cousas e cambiar outras. Fago isto, son alcalde coa única idea de poder traballar polos veciños, poder axudarlles e tirar cara adiante. Teño moitísimas ganas. E xa comezo a ver que hai moito por facer, máis do que nos esperabamos.

-Por onde vai empezar?

-O primordial é manter ben as cousas que temos. A residencia de maiores, as piscinas, o pavillón de deportes... Algo que xa é complicado tendo en conta que somos un municipio con menos de mil habitantes. Quero mellorar as carreteiras do concello e os camiños rurais co presuposto que temos. Aquí inda quedan catro ou cinco gandeiros en cada localidade e temos que coidalos, non pode ser que teñan que ir escapando das silvas ou que corran perigo cando van no tractor. Outra actuación prioritaria é mellorar a situación dos nosos maiores, facer que poidan quedar na casa o maior tempo posible grazas a recibir algunhas axudas económicas ou con persoal que os atenda.

-Cal é o maior valor que ten Manzaneda e que vostede quere potenciar?

-A xente, e non é unha forma de falar. Aquí todos levámonos ben, coidamos todos de todos e axudámonos no que faia falla. Por iso estou eu onde estou, presenteime ao posto de alcalde polos meus veciños e eles decidiron que estivese onde estou.

-Cree que será posible o entendemento dentro da corporación de goberno?

-Eu estou seguro de que nos poremos de acordo en numerosas decisións. Calquera proposición que faga a oposición, sempre que sexa coherente e que vaia en favor do pobo, valoraremos votar a favor e levala a cabo. Non imos ter en conta as siglas que haxa detrás. Eu teño máis trato con Félix Domínguez -ex alcalde e actual concelleiro por Son de Manzaneda- xa que levamos anos traballando xuntos, pero levámonos todos ben e temos relacións cordiais.