«Manuel Vidal é un adiantado ao seu tempo, un personaxe a recuperar» 

O investigador Santiago Prol repasa nun libro a vida do cura rexionalista vinculado con Maceda


santiago

Aínda que pasou varios veráns nas Torres de Meirás con dona Emilia Pardo Bazán, foi profesor de Isaac Díaz Pardo e Domingo García Sabell, fundou xunto a Basilio Álvarez a revista Galicia e estivo na mesa presidencial da fundación das Irmandades da Fala en Santiago, a figura do presbítero de Maceda Manuel Vidal (1871-1941) quedou esquecida. Dese esquecemento vén de rescatala o historiador Santiago Prol (Maceda, 1960), no libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda.

-Non é a primeira vez que recupera a figura de persoeiros esquecidos: João da Nova, Benigno Álvarez...

-Manuel Vidal é unha materia que eu tiña pendente dende había moito tempo. Empecei facendo un pequeno traballo de investigación sobre el no 2001, que despois se converteu nunha entrada na Wikipedia e na Xacopedia. Pero quedou moi no aire, digamos que despois me dediquei a facer traballos de investigación sobre outra xente. Foi a partir do 2011 que me metín a fondo nel e descubrín que é un galego moi interesante cun montón de produción.

-Escribiu sobre Santiago e o mito xacobeo.

-El ten unha triloxía, que se chama a Triloxía Xacobea, na que hai unha obra de teatro sobre a Raíña Lupa que é moi interesante e que preside nin máis nin menos o arcebispo que estaba naquel momento, que era Lago González. Fai un libro sobre o Pórtico da Gloria que se debería reeditar, que é boísimo. A min agasalláronme con ese libro, que é de 1926, no ano 1979, daquela era un rapaz de 18 anos. Mireino e pareceume moi interesante, pero a verdade é que quedou metido nun andel e recupereino en 1999. Ese foi o meu punto de arranque. En Maceda reeditouse Deixe que xa, que é un libro do ano 1931 e Don Porrazo o mi cubierto de plata e eu aí fixen unha descuberta: a Maceda de finais do século XIX estaba toda plasmada no libro de Vidal. Houbo unha revolución, a revolución de outubro de 1870 que el describe tal e como foi a realidade. É un personaxe a recuperar e merecería que se pense como un dos candidatos ás Letras Galegas.

-En 1914 chega a Santiago.

-Vense como catedrático de Literatura ao instituto. É un home para aquel momento vangardista. En 1915 fixo unha viaxe ao Pico Sacro e incluso vai ata Fisterra, porque dicía que o Camiño tiña que rematar alí. Para min é un adiantado, unha persoa que se adianta ao que veu despois. Nos anos 20 publica un ensaio sobre todo o que é o mito do Xacobeo. Esa visión de hoxe dos peregrinos por tantos camiños de Santiago, xa a tiña el nos anos 20. Lois Tobío foi alumno del, como García Sabell e Isaac Díaz Pardo. Todos fan referencias a el. García Sabell fala de que Vidal lle regala un libro e que lle sorprende que a un catedrático de literatura a un rapaz de 12 anos lle regale un libro, algo que lle quedou marcado para sempre. Lois Tobío fala de que compón poemas grazas ao catedrático de Retórica, que era Vidal.

-Estivo en relación con xente que hoxe é moi coñecida: Emilia Pardo Bazán, Basilio Álvarez...

-Con Basilio Álvarez funda en Madrid a revista Galicia. En Madrid había un lobby galego de curas, que estaba fundamentalmente montado por Vales Faílde, Basilio Álvarez e Manuel Vidal. Cando despois vén para aquí, de 1914 a 1918 pasa os veráns en Meirás, e no ano 1939 publica un libro no que fai unha recreación de como se vivía alí e conta a venta -el di que é doazón- do pazo.

-¿Por que a súa figura quedou esquecida?

-A miña teoría é que porque era un home de dereitas. Pero para a súa época era un home moi avanzado. El era un home do rexionalismo, tiña un sentimento de Galicia moi potente, pero por riba estaba España.

O autor. Santiago Prol é investigador e ten recuperado figuras esquecidas como as de Benigno Álvarez ou João da Nova.

O proxecto. O seu último libro repasa a vida do cura rexionalista Manuel Vidal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

«Manuel Vidal é un adiantado ao seu tempo, un personaxe a recuperar»