As de Manu Santos mídense a un ADBA cunha vitoria máis
15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cortar a xeira de dúas derrotas tras o seu espectacular arrinque de Liga Femenina 2 e regresar á zona con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso ao termo da tempada. Esta é a dobre misión coa que esta tarde, ás dúas, parte a expedición do Mariscos Antón Cortegada con destino ao Complejo Deportivo Avilés.
Alí, desde as oito da tarde, tocará enfrontarse a un Aceites Abril ADBA Sanfer moi diferente a aquel equipo asturiano afeito na última década a pelexar cada curso por evitar o descenso. Lonxe diso, o rival hoxe do Cortegada avanza con cinco vitorias en seis partidos, unha máis co cadro galego. Faino sustentado nun quinteto titular cuxas integrantes acaparan non menos de 30 minutos de promedio por partido: Sara Fraile, na dirección do xogo, a escolta danesa Emilie Larsen, Ugochukwu no posto de aleiro, a estadounidense Taylor Janssen de catro e Esther Sevilla en funcións de cinco.
«É un equipo sobrio, moi sólido, no que todas as xogadoras saben que teñen que facer, cal é o seu rol no equipo, o que lles dá moita consistencia durante todos os minutos do partido». Esta era a radiografía que o adestrador do Cortegada, Manu Santos, facía na véspera do seu rival. Fronte a iso, o técnico vilagarcián sinala que a recuperación do Mariscos Antón pasa por a «intensidade, a dureza e a execución de todas as nosas accións ao cento por cento, porque se non, equipos como o Maristas a semana pasada (84-63) ou o ADBA non te van deixar competir».